Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para que a billarda sexa recoñecida modalidade deportiva
O Parlamento apoia as demandas que os colectivos do xogo tradicional trasladaron aos grupos parlamentarios, defendidas polo deputado do BNG, Luís Bará
Entre os asuntos tratados na na Comisión primeira celebrada no Parlamento galego o martes 4 de xuño, foi aprobada por unanimidade a proposta do BNG defendida polo deputado nacionalista, Luís Bará para o “recoñecemento de modalidade deportiva do xogo tradicional a billarda”.
O acordo acadado polo BNG, inclúe desenvolver un plan de promoción deste xogo tradicional, con especial atención no “ámbito escolar” e espazos de competición no Plan de Infraestruturas Deportivas de Galiza.
O deputado nacionalista aceptou unha emenda do PP para que a Xunta abra un “proceso de diálogo coas entidades dos deportes tradicionais como os bolos celtas, a chave ou a loita” co fin de avaliar a posible creación dunha “Federación de Deportes Autóctonos Galegos”. En todo caso, afirmou Bará, o recoñecemento como modalidade deportiva é un paso previo e necesario para a creación da Federación. É sobre todo, “un gran paso adiante para darlle recoñecemento e visibilidade ao xogo da billarda”.
O nacionalista trasladou o recoñecemento do BNG ás persoas e colectivos que desde o ano 2003 traballaron na recuperación do xogo da billarda coa creación da Liga Nacional da Billarda que se organiza en tres Confederacións: A Norleste, a Noroeste e Rías Baixas.
Todos os grupos parlamentarios destacaron a importancia da práctica da billarda como manifestación do patrimonio cultural inmaterial, práctica social inclusiva desde o punto de vista xeracional e de xénero, e actividade deportiva que precisa o maior apoio institucional.
TEXTO APROBADO POR UNANIMIDADE
- Recoñecer a billarda como modalidade deportiva.
- Abrir un proceso de diálogo coas entidades que traballan no eido dos deportes tradicionais para avaliar a posibilidade de crear unha Federación Galega de Deportes Autóctonos.
- Desenvolver un programa de divulgación e expansión da billarda no ámbito educativo e no conxunto da sociedade. Para tal fin, estender a toda Galiza o módulo creado pola Secretaría Xeral de Deportes (dentro do programa XOGADE), difundido pola consellaría de Educación no ámbito da Delegación de Pontevedra, de divulgación do xogo da billarda no ámbito escolar.
- Fomentar e apoiar as competicións de billarda que se desenvolven en Galiza, así como o intercambio con outros países.
- Incluír os espazos para o xogo da billarda no Plan de Infraestruturas Deportivas de Galiza.