congreso

Aprobada a proposición do BNG para compensar a Cerceda e As Pontes polo fechamento das térmicas

Néstor Rego
Néstor Rego explicou que tras o fechamento das centrais, os ingresos municipais víronse afectados pola caída de ingresos derivada dos impostos IAE e IBI-BICES. “Precísanse compensacións para asegurar a suficiencia financeira”.
A Comisión de Facenda do Congreso deu luz verde á proposición non de lei do BNG para que o Goberno negocie un mecanismo de compensación pola perda de recadación municipal nos impostos de Actividades Económicas (IAE) e dos Bens Inmóbeis Urbanos de Características Especiais (o IBI-BICES) derivada do fechamento das centrais térmicas. Ademais reclámase a convocatoria dos concursos de transición xusta nestas comarcas cuestión xa reclamada tamén na comisión de industria.

“O fechamento das centrais foi caótico , anticipado e sen planificación”

Rego destacou o retroceso económico que padecen estes dous concellos debido a un “fechamento anticipado, non planificado e caótico que tivo unha orixe política, deseñada desde o Estado”.  E censurou que non se fixese unha transición xusta, con medidas de apoio ás comarcas afectadas e cunha negociación previa cos concellos.

As Pontes e Cerceda: destrución de emprego, caída económica e perda de ingresos

O portavoz do BNG explicou as negativas consecuencias económicas, sociais e laborais, salientando os dados recollidos no estudo sobre o “Impacto Socioeconómico nas Pontes da Descarbonización Enerxética”, elaborado polo Concello que recolle unha cuantificación das perdas económicas en concepto de eliminación de empregos e unha cuantificación da perda de ingresos municipais polo impacto nos impostos IAE e no IBI-BICES.

Conclúe que se perderon 1.178 postos de traballo de residentes no municipio, e 299 do resto da zona de influencia, desaparecendo un total de 1.477 empregos. Apenas un 33% da poboación residente conservaría o seu traballo na localidade, un 34% ficaron sen traballo e un 33% traballarían fóra da localidade. En termos económicos, indicou, implicaría a perda de 67 millóns de euros anuais.

Os ingresos municipais víronse afectados pola caída de ingresos dos impostos IAE e o IBI-BICES, uns recursos que son precisos para atender ao adecuado mantemento dos servizos públicos dos concellos. Informes técnicos da área económica municipal das Pontes cuantifican en 670.000€ ano a diminución en concepto de ingresos polo IAE, e nuns 2 millóns anuais a perda de ingresos polo IBI-BICES.

Explicou a merma nos ingresos no IBI-BICES pola aplicación dun criterio impositivo regresivo do catastro. O criterio que se está a aplicar nas centrais térmicas beneficia ás empresas propietarias dado que se elimina a condición de características especiais e se lles aplica a condición de solo urbano na base impoñíbel. Aplícase o 1 de xaneiro do ano seguinte á acta de fechamento da central, ignorando todo o proceso des desmantelamento das instalacións que oscila entre tres e cinco anos, ao que hai que engadirlle un ou dous anos máis para a actuación nos chans contaminados.

Finalizou urxindo á necesidade de articular as oportunas compensacións para asegurar a suficiencia financeira ás entidades locais, en liña co acordado entre a Femp e o Goberno.