Aprobada no Parlamento a iniciativa do BNG contra as futuras peaxes nas autovías
O deputado, Luís Bará asegurou que o anuncio do Goberno central, abre a porta a peaxes en todas as autovías a pesar de que a súa construción e mantemento é sufragado pol@s contribuíntes
O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe unha proposta que acadou o apoio da Cámara galego contra a implantación de futuras peaxes nas autovías tras o anuncio realizado polo Ministerio de Fomento.
Para o deputado do BNG, a medida é “regresiva e cun fin exclusivamente recadatorio” e lembrou que as e os cidadáns xa contribuímos cos nosos impostos á construción e mantemento destas infraestruturas. Ademais considerou que as peaxes discriminan aos galegos e galegas, “cos salarios e pensión máis baixas do Estado o que obriga a facer un esforzo maior ” así como o risco para a seguridade viaria ao establecer “barreiras económicas” no acceso de vías máis seguras.
No texto do BNG aprobado hoxe, “O Parlamento de Galiza amosa a súa rotunda oposición á intención do goberno central de estabelecer peaxes nas autovías, por consideralo unha medida regresiva, que establece barreiras económicas no acceso á servizos básicos como son as infraestruturas viarias, pon en risco a seguridade viaria e que supón un atranco o desenvolvemento económico é a cohesión social na Galiza.”
O deputado do BNG recalcou que o anuncio das peaxes nas autovías coincidiu coas demandas formuladas polas “construtoras” e lembrou que o BNG defendeu iniciativas solicitando a supresión das peaxes de competencia autonómica.
Por outra parte, cualificou de “escándalo” que teña que intervir a Fiscalía ante os abusos de Audasa, mentres a Xunta e o Goberno central só mostraron coa concesionaria unha grande “pasividade e complicidade”. A demanda da Fiscalía, dixo, constata que o “BNG tiña razón nas súas denuncias”.