Aprobada a moción do BNG para regular a figura do Asistente Persoal ante a indefinición existente na actualidade
O Senado, a través da iniciativa do BNG, insta o Goberno a regular a relación xurídica entre as persoas con discapacidade e as Asistentes Persoais para regular as relacións laborais
Carme da Silva: “É de xustiza. Un paso máis para garantir que as persoas con discapacidade poidan ter unha vida independente e plena”
PSOE e PP “póñense de lado” e abstéñense na votación final da iniciativa e non apoian dar “seguridade” tanto as persoas con discapacidade como os e as asistentes persoais
O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa senadora Carme da Silva, vén de conseguir a aprobación dunha moción na cámara alta para que se regule a relación xurídica entre as persoas con discapacidade e as persoa Asistente Persoal. Carme da Silva urxe pór fin á indefinición existente e outorgar seguridade á ambas partes, reivindicación solicitada en diversas ocasións polas asociacións de persoas con discapacidade, modificando a lexislación vixente a través do Estatuto das e dos Traballadores e da Seguridade Social.
A moción, presentada e defendida polo BNG, foi aprobada pola Comisión de Políticas Integrais de Discapacidade do Senado. A cámara alta insta o Goberno a “regular a relación xurídica entre as Persoas con Discapacidade e as persoas Asistentes Persoais, de modo que se contemple un modelo contractual específico para a figura do Asistente Persoal que poña fin á indefinición existente e outorgue seguridade a ambas as partes”.
Durante a defensa da moción, a senadora nacionalista sinalou a necesidade de rematar cunha situación que está a xera inseguridade: “tanto para as persoas con discapacidade que precisan desta prestación como para as persoas que desenvolven e ofrecen esta servizo”. Esta figura está recollida na Lei de Promoción de Autonomía Persoal e Atención á Dependencia mais “non ten unha regulación laboral específica que permita dar seguridade ás partes”.
Este baleiro legal, sinalou Carme da Silva, debe ser solucionado de maneira urxente mediante a regulación laboral desta figura” a través das modificación necesarias “tanto no Estatuto dos e das Traballadoras como na lexislación vixente que corresponde á carteira do Ministerio de Seguridade Social”.
“Esta iniciativa ofrece as garantías necesaria para todas aquelas persoas con discapacidade que van poder decidir quen será a persoa que sexa a súa asistente persoal” evidencia da Silva. Unha relación laboral diferente e nova “que garantirá o dereito das persoas con discapacidade a ter unha vida plena”.
Apoio as demandas das asociacións de persoas con discapacidade
Tal e como expresou o Presidente de Cermi, Luis Cayo Pérez Bueno, durante a súa comparecencia nesa mesma Comisión do Senado, a regulación desta figura é fundamental para que o servizo se poida prestar de forma adecuada e garantindo a seguridade entre as partes. De facto, a Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade foi quen introduce esta figura do asistente persoal, e mesmo foi ratificada polo Estado español.
Unha reivindicación, lembrou a senadora nacionalista durante a defensa da moción, que levan moitos anos demandando o conxunto das asociacións e plataformas a prol dos dereitos das persoas con discapacidade.