Aprobada a iniciativa do BNG para suprimir as trabas ás persoas con discapacidade que queiran casar

MONTSEPRADO COMISIONPARLAMENTO
  • Montse Prado argumentou que a esixencia de pedir un ditame médico supoñía unha discriminación coas persoas afectadas en lugar de avanzar nos seus dereitos

O Parlamento galego aprobou hoxe a iniciativa do BNG reclamar ao Goberno central a supresión do artigo 56 do Código Civil e o artigo 58 do Rexistro Civil para a súa substitución por un texto consensuado coas entidades que representan ás persoas con discapacidade. A iniciativa, defendida pola deputada Montse Prado, pretende acabar coa discriminación que, a xuízo do BNG, supón a esixencia dun ditame médico previo ás persoas con algún tipo de minusvalía que desexen contraer matrimonio.

“Aumenta a discriminación das persoas con discapacidade porque o que ata agora viñan sendo  anomalías psíquicas queda ampliado a deficiencias mentais, intelectuais ou sensoriais. Todas estas persoas non poderán casar sen un preceptivo informe médico, négaselle a capacidade de dar consentimento a unha persoa que non vexa, non escoite ou teña unha incapacidade intelectual”, argumentou a portavoz de Sanidade.

Prado cualificou de “despropósito” esta “discriminación inaceptábel” que afecta a un número moi amplo de persoas, “con deficiencias que non afectan para comprender o significado do matrimonio nin para prestar o consentimento ao mesmo”, alegou no debate parlamentario.

Estes cambios foron introducidos no código penal e no rexistro civil a través da Lei 15/2015 de Xurisdición Voluntaria, e supón unha modificación contraria ao establecido pola Convención da ONU dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, norma que o Estado español asinou e ratificou quedando polo tanto obrigado á súa implementación, concluíu Prado.