Aprobada a iniciativa do BNG para non subvencionar con fondos públicos os campionatos da caza do raposo

Raposo

O acordo parlamentario impulsado polo BNG tamén impedirá que os cargos institucionais asistan e promocionen esta actividade

A proposta defendida hoxe  polo deputado do BNG, Luís Bará e aprobada na comisión 2ª do Parlamento de Galiza, impedirá que “o goberno da Xunta subvencione os campionatos de caza do raposo”. Ademais o acordo recolle que a Xunta “non apoie nin participe no seu desenvolvemento e que ningún cargo público asista aos actos relacionados con esta inxustificada “competición cruel e sanguinaria”

O nacionalista, tras agradecer  o apoio das forzas parlamentarias  manifestou que o acordo representa  “un paso adiante para romper coa complicidade e promoción do goberno galego así como a súa defensa da matanza do raposo como actividades interesantes para a promoción turística”. Ademais, supón rachar coa práctica da Xunta de Galiza de subvencionar, a través da Federación galega  de Caza  convenios asinados durante o ano pasado por valor de 53.000 euros destinados a  campionatos de caza que inclúen a do raposo.

Bará reiterou que a aprobación da iniciativa nacionalista representa “un paso adiante” pero criticou que o Partido popular non permitira aprobar o punto referido á “prohibición total desta actividade” coas modificacións legais pertinentes como reclamaba tamén a proposta nacionalista  polo que anunciou que  o BNG seguirá presentando propostas nesta liña  para que Galiza deixe de ser “un paraíso para a matanza desta especie”.

O deputado avanzou que o BNG permanecerá vixiante ao cumprimento do acordo e manifestou o agradecemento a toda a mobilización social e colectivos que denunciaron estas prácticas. Coas súas campañas, a través da prensa e redes sociais que o BNG trasladou ao Parlamento en forma de diversas iniciativas fixo posible que o Partido popular inicie pasos para cambiar a situación sobre a práctica da caza do raposo e os campionatos de caza de raposos  en Galiza, concluíu.