Aprobada a iniciativa do BNG para instar a Google a corrixir a toponimia galega á forma oficial e legal
A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Olalla Rodil aprobada hoxe por unanimidade insta ao Goberno galego a dirixirse a Administración central para reclamar, como única formula oficial e legal os topónimos na súa formula galega e a empresa Google para corrixir a aplicación Google Maps nesta materia
O BNG propuxo hoxe no Parlamento que Google Maps restitúa os topónimos galegos, a súa forma “oficial e legal”. A proposición non de lei, defendida pola deputada, Olalla Rodil foi aprobada “por unanimidade” hoxe no Parlamento galego.
Na súa intervención, a nacionalista instou ao goberno galego dirixirse a empresas privadas como Google para que na aplicación “google maps” restitúa a fórmula legal e oficial en galego da toponimia de Galiza. A día de hoxe, explicou,a nacionalista, unha das ferramentas de xeolocalización máis usadas e estendidas entre a poboación como google maps, continúa a utilizar termos como “La Coruña, Vivero, Sanjenjo, Ordenes, Lorenzana o Puente nueva”, que “rechía”. Estas formulas, recalcou Rodil, “non existen e dende o BNG seguiremos reclamando que se utilicen os topónimos galegos correctamente.
Reclamamos da Xunta, indicou que esixa o cumprimento da toponimia oficial por parte das institucións españolas, concretamente dos ministerios para que deixen de referirse as localidades e a xeografía galega con fórmulas absolutamente “ilegais” que tentan traducir a toponimia galega ao español.
Se hai vontade, “pódese corrixir”, dixo, Rodil que puxo como exemplo o 112 na aplicación que utilizan como xeolocalizador. Por outra parte, tamén se referiu a Guía Michelín que reproduce unha “realidade que non existe e debe ser corrixida”. Rodil considerou que unha boa maneira de corrixir estes erros é que o goberno galego asuma un dos principios fundamentais recollidos na Lei de Normalización Lingüística no seu artigo 22 co seguimento da normalización da lingua asesorando á propia administración e particulares comezando con iniciativas para que “nos chamen polo noso propio nome”.