Aprobada a iniciativa do BNG para exixir ao Estado que anule a concesión da AP-9, suprima as peaxes e impulse a transferencia
O BNG propiciou este martes a unanimidade do Parlamento para reclamar ao Goberno do Estado que anule a prórroga na concesión da AP-9, unha vella reivindicación do nacionalismo galego que tomou máis razón de ser despois de que a Comisión Europea abrise de novo un procedemento de infracción a España pola ampliación do prazo na concesión.
“Estamos diante dunha oportunidade de ouro para poñer fin á estafa das peaxes abusivas, e ao agravio que sofre Galiza en materia de autoestradas de peaxe, un agravio acrecentado polo veto das forzas do bipartidismo á transferencia da AP-9 a Galiza”, dise na iniciativa que defendeu Luís Bará, que saíu adiante cunha emenda presentada polo PP para eliminar do texto que a prórroga aprobada polo Goberno de Aznar no 2000 fora concedida “irregularmente”. O BNG aceptou a emenda en aras do consenso.
Ademais da anulación da prórroga, o acordo en torno á iniciativa nacionalista inclúe tamén solicitar ao Estado que asuma a xestión directa da autoestrada e suprima as peaxes, e que impulse as transferencias da AP-9 a Galiza.
O Parlamento tamén insta á Xunta a ser parte deste procedemento encargando un estudo para explorar a mellor fórmula xurídica de cara a anular a prórroga “e avaliar os custes económicos que tería para o Estado asumir a xestión directa da autoestrada galega.
Na defensa da iniciativa, Bará comezou lembrando os “días da infamia” en relación a AP-9, entre os que destacou o 5 de febreiro de 2000, cando se publicou no BOE o “enorme regalo” do PP a Audasa, agraciada entón coa ampliación da concesión por 25 anos, até o 2048. “Foi un agasallo multimillonario, de 9.500 millóns de euros estimados, cos correspondentes beneficios fiscais, e unha condena para as galegas e os galegos usuarios da AP-9”.
José María Aznar, como presidente do Goberno do Estado; Arias Salgado, como ministro de Fomento; e Manuel Fraga, como presidente da Xunta foron os responsables daquela “infamia”, que se fixo aínda maior tres anos despois, cando ENA, propietaria de Audasa, foi vendida por 1.586 millóns de euros a un grupo de empresas liderados por Sacyr, que dous anos fichou para o seu consello de administración a Arias Salgado. “Isto non son portas xiratorias, isto é unha absoluta falta de ética e unha vergoña”, denunciou o deputado do BNG.
Bará subliñou que, de non ser por aquela decisión, os galegos e as galegas terían deixado de pagar as peaxes abusivas o 18 de agosto do ano pasado, polo que o PP, ao que emprazou a pedir perdón aos galegos, “non ten ningunha credibilidade nin autoridade moral” cando fala da AP-9.
No mesmo sentido, o responsable de Infraestruturas do BNG censurou tanto ao PP como ao PSOE por impedir que se chegasen a aprobar no Congreso dos Deputados as iniciativas que saíron do Parlamento galego por unanimidade para reclamar a transferencia da autoestrada á Xunta. “O maior día da infamia” neste sentido foi o 14 de decembro do 2016, cando o PP votou en Galiza a favor da transferencia e vetaron na mesa do Congreso a proposición non de lei aprobada polo Parlamento galego.
“Que maior traizón se pode cometer nunha institución aos intereses de Galiza?, preguntou Bará, que aínda falou de outro “gran día da infamia”, un 30 de decembro do ano 2017,cando Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo, entón presidentes do Goberno do Estado e da Xunta respectivamente, protagonizaron un acto de apertura ao tráfico da ampliación de Rande para que o día 1 de xaneiro puidesen entrar en vigor os incrementos das peaxes. “Que maior servilismo aos intereses da concesionaria?”, cuestionou nesta ocasión.
No mesmo sentido, criticou ao PSOE porque na última lexislatura “deixou morrer” a reclamación do Parlamento galego “despois de pedir até 17 prórrogas e presentar emendas que restaban valor ao contido desa proposta”.
Bará argumentou que a loita por conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes entra agora nunha nova etapa, aberta en boa parte grazas á denuncia feita no 2019 por En Colectivo sobre a “presumible ilegalidade” das prórrogas concedidas á concesionaria -tanto a do PSOE asinada no 1994 e que estendía o prazo até o 2023, como a do PP do 2000 por outros 25 anos que a estira ata o 2048-.
“Temos que facerlle ver ao Goberno central que se equivocou cando dixo que a concesión era plenamente válida” a pesar do que a Comisión Europea xa advertiu de que para prórrogas como as da AP-9 hai que facer un concurso público, abrindo unha oportunidade para que os galegos poidan ter por fin unha AP-9 galega e libre de peaxes, agregou Bará, que se amosou convencido de que “resultaría máis barato afrontar o rescate da concesión que pagar máis de 3.000 millóns de compensacións por bonificacións e outros aspectos que habería que pagar ata o 2048”.