Apoio unánime da Fegamp a unha iniciativa do BNG para exixir á Xunta a totalidade do recadado polo ‘imposto da incineración’
A iniciativa do BNG, a executiva da Fegamp vén de aprobar por unanimidade unha proposta na que os concellos galegos reclaman á Xunta a totalidade do que recade polo imposto de residuos de vertedoiros e incineración, cuxa implantación alega Sogama como desculpa para cargar ás arcas locais, e consecuentemente á veciñanza, coa suba do 30 % este ano do canon polo tratamento de lixo.
“A proposta aprobada cuestiona o incremento do canon que Sogama que aplicar os concellos polo tratamento dos residuos sólidos urbanos, un incremento que necesariamente os concellos van ter que trasladar á veciñanza na taxa do lixo, o cal é totalmente inxusto e innecesario”, asegura o vicepresidente da Fegamp e alcalde de San Sadurniño, o nacionalista Secundino García.
A proposta de resolución aprobada inclúe como primeiro punto que a Xunta reparta entre todos os concellos galegos a contía que prevé ingresar este ano polo referido imposto estatal, contemplada agora como fondo adicional na financiación dos concellos e que ascende a 12,1 millóns de euros. Unha cantidade que, tal e como se explica na iniciativa, detraeu da participación dos concellos do fondo de cooperación local (FCL), o que fai que na práctica “esta achega é realizada polos propios concellos ao ser detraída do seu sistema de financiamento”.
O Goberno do PP vén de asumir o incremento do canon anunciado a metade do ano por Sogama, que suporá para os concellos pagar unha media de 78 euros por tonelada, pasando dos 68,05 euros cobrado de xaneiro a xuño a 88,05 entre xullo a decembro, unha cantidade que, tal e como advirte García, “desbarata” as facendas locais en moitos casos. Até o de agora, explica, a Xunta do PP tan só anunciou que achegará nove millóns, a través do FCL,a minimizar o impacto da medida.
No segundo punto, os concellos esixen que a Xunta achegue a cantidade total recadada polo imposto -en principio eses 12,1 millóns- a bonificacións no canon dos concellos, cumprindo así os obxectivos marcados coa creación do imposto estatal, que recada a Xunta. Entre estes obxectivos figura a redución da produción de lixo e/0u incrementar a reciclase dos envases lixeiros, trasladar a rebaixa aos recibos da veciñanza ou instaurar un programa de compostaxe domiciliario ou comunitario.
Coa luz verde de todos os grupos á proposta do BNG, a Fegamp reclama tamén por unanimidade ao Goberno do PP a creación dunha comisión de traballo entre Sogama, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a Fegamp para determinar as condicións do canon para o vindeiro 2025, antes de que se aproben os Orzamentos, e debater sobre o cambio de modelo de xestión de residuos en Galiza. Un debate que debe abordar “a fórmula que permita a cada concello, con independencia da súa dimensión, acceder á redución do canon aínda que non incorpore o quinto contedor, valorando para a aplicación dea redución o compromiso de cada concello na aplicación da compostaxe individual ou comunitaria, ou financiado modelos de xestión alternativos”.