Antonio Veiga nega que o anuncio contra o rescate á banca se pagara con cartos públicos

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, rexeita as acusacións do Partido Popular nas que asegura que o anuncio publicado onte nos medios de comunicación lucenses en contra do rescate de Europa á banca española foi pagado con diñeiro público.

Veiga amósase sorprendido pola celeridade do Partido Popular en querelarse contra aqueles que se opoñen ao rescate bancario e as graves consecuencias que iso vai supor para á cidadanía en xeral. “É unha pena –insistiu- que non actúe coa mesma celeridade para denunciar a aqueles que provocaron a crise económica e levaron ás entidades bancarias á ruína, empezando polo seu compañeiro de partido Rodrigo Rato e seguindo polos directivos das caixas galegas pola súa nefasta xestión coa que, ademais, deixaron sen aforros a milleiros de galegos e galegas”.

É unha pena que non haxa a mesma celeridade para denunciar ante a fiscalía este erro que para denunciar a quen provocaron a crise

Dende a vicepresidencia da Deputación de Lugo aseguran non estar dispostos a recibir leccións do Partido Popular sobre cales deben ser as prioridades á hora de investir o diñeiro público, máis cando a Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, acaba de deixar a 66 dos 67 concellos da provincia de Lugo sen Servizo de Axuda no Fogar, sen axudas para as escolas infantís e para os centros de maiores, e é a Deputación provincial de Lugo quen segue mantendo o Servizo de Axuda no Fogar en 66 dos 67 concellos lucenses.

Veiga insta ao Partido Popular a que rectifique publicamente

Veiga pídelle ao Partido Popular que “se informe antes de falar, xa que dende a vicepresidencia da Deputación de Lugo non se utilizaron cartos públicos para pagar o anuncio contra o rescate bancario publicado baixo o lema: “Rescatan á banca, rouban ao povo”, xa que correu a cargo da asignación económica do Grupo Provincial do BNG, tal e como se pode ver nas facturas que se axuntan”.

"Neste senso –concluíu o vicepresidente do ente provincial- esiximos ao Partido Popular que rectifique publicamente e se desculpe pola insidia que se deduce das súas declaración. Se non o fai, verémonos na obriga de acudir ao tribunais”.