Ana Pontón: “Unha Xunta presidida polo BNG apostará por nacionalizar ALCOA"
Ve “indecente” perder miles de postos de traballo por falta dunha tarifa eléctrica galega mentres se forran multinacionais e ex presidentes como Aznar e González coa riqueza eléctrica do país
Na presentación da candidatura na Coruña, convencida de que o cambio galego é imparable se todas as persoa que queren abrir un tempo novo se mobilizan o 12X
Rivas puxo o acento na urxencia de defender os servizos públicos, en particular a sanidade e o modelo de atención aos maiores, e rescatalos da privatización do PP
A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, botou a vista atrás na presentación da lista do BNG pola Coruña para o 12X para lembrar que fai tres meses participaba nun acto similar até que a COVID19 “puxo as nosas vidas patas arriba” e deixou un escenario moi diferente, pero destacando que hai cuestións que non mudaron: a primeira, que o cambio galego é máis urxente ca nunca, e a segunda que Galiza precisa un goberno que defenda o país en lugar de discriminalo como se demostra no casos da ex ALCOA (Alu Ibérica) na Coruña e con ALCOA-San Cibrao.
“Reivindicamos que temos dereito a producir e que hai que salvar o emprego da antiga ALCOA na Coruña e en ALCOA-San Cribrao e que a única medida que pode garantir o futuro de ambas fábricas é a que propón o BNG: nacionalización, unha intervención pública como a que está facendo a chanceler Angela Merkel en Alemaña con Lufthansa. Se o goberno alemán pode salvar empresas estratéxicas para o seu país a través desa nacionalización, un goberno presidido polo BNG apostará pola nacionalización de ALCOA tanto na Coruña como en San Cibrao, para salvar a produción estratéxica de aluminio e para salvar o emprego”, proclamou Pontón, convencida de que “se esas factorías en vez de estar en Galiza estiveran en Madrid hoxe habería unha solución sobre a mesa e non podemos permitir un novo agravio cos país”.
E xunto coa nacionalización o BNG insite na segunda pata que compón a solución de futuro para ALCOA: tarifa electrica galega para acabar co espolio enerxético do país mentres se poñen na rúa miles de traballadores e traballadoras: “queremos usar a riqueza de Galiza para darlle futuro a esta terra e non para que se forren algunhas empresas e algúns ex presidentes como Aznar e González”, alegou. “As portas dunha crise sen precedentes con miles de persoas nun ERTE, que non saben como vai ser o seu futuro é inmoral seguir vendo o espolio enerxétivo, inmoral que non se use a nosa riqueza electrica para crea presente e futuro para os galegos e as galegas. Un goberno do BNG vai deixarse a pel para conseguir o que é xusto para este país”, recalcou.
No acto de presentación, Pontón destacou que o escenario que deixa a COVID19 fai máis necesario ca nunca abrir un tempo novo en Galiza que permita facer avanzar e darlle un futuro á maioría social que quere vivir e traballar aquí, na súa terra, na súa cidade, no seu país. “Se todas as persoas que queremos un cambio galego nos mobilizamos o 12X, o cambio será imparable e ese é o gran reto que temos por diante: que as persoas que estamos cansadas de ver como esnaquizan Galiza nos mobilizamos para abrir un tempo novo e darlle esperanza e ilusión á xente que vive aquí”, salientou.
“Teño a convicción de que o cambio galego é imparable se todas as persoas que queremos abrir un tempo novo nos mobilizamos votando o 12 X, e a garantia dese cambio real é o BNG que non lle vai fallar na defensa de Galiza”, recalcou.
Candidatura gañadora para A Coruña
Na presentación da candidatura pola Coruña, salientou o seu orgullo de encabezar unha lista de “luxo”, con persoas “de gran valía e experiencia” como Xosé Luís Rivas; con Mercedes Queixas e Rosa Pérez, “dúas mulleres con talento e coraxe, activistas de tantas causas xustas”-. Unha candidatura con Ramón Fernández, Daniel Pérez, Iria Carreia, Carlos Babio, “unha das voces máis destacadas a favor da recuperación da memoria histórica”, ou Xesús Seixo, “cunha vida adicada á defensa dos intereses dos e das traballadoras”.
Unha candidatura “gañadora” de homes e mulleres dispostas a dar o mellor de si para defender os intereses da Coruña, “competentes e comprometidas, unha lista que combina renovación e experiencia, que empodera ás mulleres e que tamén da protagonismo á xente moza que pelexa por ter futuro ante a precariedade ou a emigración. Unha candidatura gañadora porque saímos a por todas o 12 de xullo”, recalcou, para superar o absolutismo inútil de Feixóo, “que non fixo nada por esta cidade”.
“O Goberno galego que aspiro a liderar quere poñer A Coruña no centro é o primeiro que precisa e recuperar pulso industrial e acabar cos carteis de peches”, salientou. Tamén entres as medidas: dar unha solución aos terreos do Porto interior para que, unha vez libres de usos portuarios, volvan á mans dos coruñeses e coruñesas. A recuperación da Ría do Burgo, apostar por modernizar as conexións ferroviarias entre Ferrol e A Coruña, coa posta en marcha do GALTREN un organismo para potenciar o tren de proximidade como xa teñen outros territorios do Estado.
Destacou tamén a proposta dun plan de revitalización do comercio local, máis necesario ca nunca porque se trata dun sector vital para o crear riqueza e emprego e, non menos importante, pola súa capacidade de dinamizar e cohesionar socialmente os barrios.
Pola súa parte, o candidato pola Coruña, Xosé Luís Rivas, centrou a súa intervención na defensa dos servizos publicos, en particular na sanidade, “cuxos recortes e privatizacións non poden ser agochadas polas homilías propagandísticas de Feixóo”, e na defensa dun modelo de residencias para as persoas maiores que debe ter como centro o dereito a unha vellez digna e, polo tanto, mudar a “mercantilización” dos servizos sociais “con efectos letais como se viu coa pandemia e que deixou ao descoberto a pior cara do modelo privatizador do PP”.
Rivas salientou o feito de que o BNG é unha forza á alza: “somos cada vez máis e nada nos vai parar neste camiño de servizo á Galiza”, proclamou, ao tempo que pedía unha gran mobilización nas urnas o 12X para conseguir que A Coruña teña un goberno que dea a cara polos seus intereses e capaz de afrontar os retos de futuro.