Ana Pontón: “Xoán Reices e o seu equipo representan o impulso que A Estrada precisa para abrir un tempo novo e avanzar”
BNG propón unha Estrada que poña en valor seu o patrimonio e medio rural, que xere riqueza, emprego, e con oportunidades para a xente moza
“O 28M seremos a forza política que máis suba para comezar a construír unha Galiza con futuro, dende o próximo, concello a concello”, indicou
A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu á presentación da candidatura Xoán Reices para BNG á Alcaldía de A Estrada, que definiu como “excelente, con moita xente nova e tamén con compañeiras veteranas, que combina experiencia e renovación, con entusiasmo, con ideas, con coñecemento das necesidades da vila e moitas ganas de traballar para darlle un impulso á Estrada”.
A portavoz do BNG indicou como “A Estrada ten todo para ser un concello de referencia na comarca e en Galiza, pero fáltalle liderado político e proxecto de futuro con alternativas e propostas para avanzar, progresar, e mellorar”. Do mesmo xeito, lembrou que “o BNG ten ese proxecto de futuro e ten o mellor equipo para levalo adiante” amosando a súa convicción de que o Bloque obterá un gran resultado en A Estrada o próximo 28M para “abrir un tempo novo no concello”.
Pontón alertou de que “A Estrada leva décadas esperando por infraestruturas esenciais e anos para ter máis solo empresarial, mentres que o PP o único que lle ofrece é espolio eólico para que se sigan enriquecendo as eléctricas e destruíndo o noso do País”. No caso concreto desta zona “o Partido Popular tamén pon en risco un sinal de identidade: a fauna cabalar, clave para A Estrada, e a celebración da rapa das bestas coa que medraron xeracións e xeracións de veciños e veciñas da Estrada”, indicou.
Un tempo novo para A Estada da man do BNG
Fronte a isto, Pontón declarou con convicción que “o BNG ten proxecto, candidato e equipo para poñer en marcha unha nova Estrada”. Os plans do Bloque para A Estrada pasan por que volva ser unha vila orgullosa, viva, dinámica no económico, no social e no cultural; por avanzar en igualdade; por poñer en valor o patrimonio e o medio rural. Alén disto, propón construír unha Estrada en verde; capaz de xerar riqueza, emprego, oportunidades; cun urbanismo humanizado que poña ás persoas no centro e con alternativas para a xente moza.
“Esa é A Estrada que o BNG quere poñer en marcha e sabemos como facelo, porque temos un modelo municipal de éxito, que funciona, como demostramos alí onde gobernamos, transformando en positivo, revitalizando o comercio e o tecido económico local, xestionando con eficacia, mellorando a vida das persoas”, declarou, poñendo como exemplo os modelos municipais BNG de Allariz, Tomiño, Pontevedra ou Moaña “convertidos hoxe en concellos de referencia dentro e fora de Galiza”.
“No Bloque imos a por todas. Estou convencida de que o 28 de maio o BNG será a forza política que máis suba para comezar a construír unha Galiza con futuro, empezando polo próximo, concello a concello”, concluíu.