Ana Pontón: “Os votos ao BNG este 23X servirán para defender Galiza e parar frear un goberno de retroceso e antigalego”
Acusa a Rueda de submisión a Madrid e lembra unha cita de Feijóo na que prometía non pactar con Vox por ser un partido “contrario a Galiza”
Fronte a utilidade do BNG que cun deputado logra unha rebaixa histórica na AP9, a inutilidade do PP, que con dez só trouxo subidas das peaxes
A portavoz nacional, Ana Pontón, entende a “preocupación” do PP co traballo do BNG no Congreso de cara ás eleccións do 23 de xullo, posto que cun só deputado o Bloque demostrou ser máis útil na defensa de Galiza que dez do Partido Popular, poñendo como exemplo a rebaixa histórica das peaxes da AP-9, da que se benefician cada día 20.000 galegos e galegas.
“Véxoo moi enfado señor Rueda, mesmo rabioso co BNG, e entendo que estea moi preocupado polo traballo que estamos facendo no Congreso pois cun só deputado deixámoslle as súas vergoñas ao aire”, ironizou, “porque claro, que conseguían os dez deputados do PP en Madrid cando Rajoy, un galego, era presidente do Goberno do Estado con maioría absoluta? Pois que nos subiran a estafa das peaxes da AP9 ano tras ano! Pero chegou o BNG e con toda a humildade, cun só deputado, logrou unha rebaixa histórica”, destacou, contrastando a utilidade do Bloque na defensa de Galiza fronte á inutilidade do PP.
Unha preocupación de Rueda co BNG que Pontón fixo extensiva á cita electoral do 23 de xullo e ao ascenso imparable da formación nacionalista nas urnas. “Os votos que nos dean os galegos e as galegas van servir para dúas cousas: a primeira é para facer valer Galiza, para defender os intereses deste País sen submisión a ninguén; a segunda para frear un posible goberno PP-VOX, de retroceso de dereitos e liberdades e que tamén sería letal para o noso País”, argumentou.
De feito, a portavoz nacional botou man dunhas declaracións nas que o propio Feijóo aseguraba que nunca ía pactar coa extrema dereita porque era un partido “que está en contra de Galiza”. “Señor Rueda, xa vemos como entende o PP a defensa deste País, collerse de ganchete dun partido que o seu líder di que está en contra de Galiza, vaia papelón!”
A portavoz do Bloque destacou que a irrelevancia política do xefe do Executivo é tal que mesmo lle cambian a composición do seu goberno desde fora. “Temos un presidente tan relevante, con tanto peso político que até lle cesan os conselleiros desde Madrid e deciden desde Génova quen entra e quen sae do Consello de Xunta. Non manda nin no seu partido, nin no seu goberno”, denunciou, “e é tal a súa submisión, está tan domesticado polo centralismo que mesmo presume de que outros lle decidan o goberno”.
Na sesión de control, Pontón lamentou a “inutilidade política” do PP á hora de defender Galiza, demostrada ao longo de catorce anos practicando a confrontación estéril o a submisión a Madrid en función de quen se senta na Moncloa. “Se tivese que resumir nunha imaxe a capacidade do goberno do PP para defender Galiza sería unha folla en branco, señor Rueda”, sinalou, aportando exemplos.
Aí está a “inutilidade política do PP para conseguir a transferencia da AP9, nin con Rajoy nin con Sánchez; a inutilidade para evitar que Galiza quede fóra dos Next Generation, nin un só proxecto tractor; con cero transferencias en catorce anos, mentres outras comunidades e nacións avanzan en autogoberno”, explicou. Pontón tamén fixo referencia á incapacidade política do Executivo de Rueda para frear a perda masiva de emprego industrial, 21.000 postos de traballo destruídos, ou para modernizar o ferrocarril interior tras décadas de retraso na chegada do AVE.
“E aí está tamén a inutilidade política do PP auspiciando un boom eólico depredador para que Naturgy e outras multinacionais se sigan forrando en lugar de colocar a riqueza eléctrica do País ao servizo da sociedade”, concluíu, recalcando que dificilmente pode dirixir Galiza quen nin dirixe o seu partido nin o seu goberno.