Ana Pontón: “O voto ao BNG defende Galiza e impide que a dereita rancia a antigalega logre escano neste país”

Porto A Coruña

“Imos ser a sorpresa destas eleccións” porque para votar BNG “non fai falta ser nacionalista senón querer un futuro mellor para este país”, alega

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, non quixo entrar a valorar as enquisas, -“nin as que me gustan menos, nin as que me gustan máis”-, que confirman un BNG en remontada que, declarou, “vai ser a sorpresa destas eleccións”.

A líder nacionalista volveu apelar ao voto das persoas indecisas para que o 28A collan a papeleta do Bloque porque ten valor extra, que garante a defensa de Galiza e frea a entrada da dereita “carca e antigalega” que representa Vox e CDs, cos que disputa escanos na Coruña e en Pontevedra: “Confírmase algo que levamos tempo percibindo, que hai moita xente que está mirando para o BNG, que hai unha onda de simpatía que medra e medra”, salientou.

Por iso, “o 28A os e as galegas temos a oportunidade de ser decisivos cun voto que ten un premio extra, porque co voto ao BNG defendemos Galiza, defendemos dereitos sociais, liberdades públicas e democracia pero tamén impede que haxa nin un só escano desa dereitona rancia, machista e antigalega a que lle estamos disputando escanos non só na Coruña senón tamén en Pontevedra, a esa dereita que representa VOx e CDs”, argumentou.

E neste contexto, cunha porcentaxe de voto moi alto sen decantar, Pontón fixo unha apelación directa ao voto indeciso. “A todas esas persoas que teñan preocupación e non saben aínda a quen votar dígolles que a papeleta do BNG é un voto que ten premio extra porque non só defendemos os intereses de Galiza e os dereitos sociais, senón que tamén vale para frear a extrema dereita rancia, machista e antigalega”, recalcou.

De feito, Ana Pontón volveu salientar que para optar polo Bloque non fai falta ser nacionalista, “o único que se necesita é levar a Galiza na cabeza e no corazón, querer que este país teña un futuro mellor e acabar cun trato discriminatorio que nos impide saír adiante e ter un futuro máis esperanzador”.