Ana Pontón visita as instalacións de Inditex e destaca a importancia de ter en Galiza a sede dunha empresa que é referente mundial
A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou a súa primeira visita á sede da multinacional Inditex en Arteixo e destacou a importancia que ten para Galiza albergar unha empresa que é un referente a nivel mundial e clave dentro do tecido económico do País, destacando ademais a capacidade de adaptarse aos novos retos que impón a globalización nun sector tan competitivo e fragmentado como o da moda, e todo sen renunciar as súas orixes.
Da man do conselleiro delegado, Óscar García Maceiras, Pontón fixo un percorrido polas diferentes instalacións, en particular as que albergan as fases creativas e as diversas liñas de negocio, podendo apreciar o nivelo tecnolóxico e innovador da multinacional, pero na que o factor humano segue a ser un aspecto fundamental do seu éxito en todos os mercados.
A sustentabilidade, a mobilidade que implica infraestruturas intermodais para afrontar os retos loxísticos ou a formación, entre os temas sobre os que a dirixente do BNG puido intercambiar reflexións, nun encontro no que tamén estivo a deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, o portavoz municipal nesa cidade, Francisco Jorquera, o portavoz municipal en Arteixo, Xurxo Couto, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
Pontón destaca o papel de Inditex como referente dun sector téxtil que en Galiza ten unha gran tradición e un potencial industrial que hai que seguir potenciando, pola súa capacidade de xerar actividade económica e emprego.