Ana Pontón: "Villar Mir non pode exercer de xefe colonial de Galiza"
- O BNG tilda de chantaxe que Ferroatlántica vincule a venda das minicentrais a investimentos dun suposto plan industrial
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas, participaron na concentración de apoio convocada polos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica en Cee en contra da operación especulativa que planea a empresa para vender as centrais do Xallas segregando a explotación eléctrica da industrial, en contra do que establece a normativa en vigor.
A esta operación de especulación, “súmase agora unha operación de chantaxe”, advirte Pontón, por parte de Juán Villar Mir, ao vincular o desenvolvemento dun suposto plan industrial e construción dunha fábrica de biomasa a venda das minicentrais.
O BNG concorda co cadro de persoal e coa sentir maioritario da Comarca da Costa da Morte: Vender os saltos hidroeléctricos e desvinculalos da produción de ferroaleacións suporá o peche das plantas de Cee e Dumbria e a perda de 400 postos de traballo.
“Desde o BNG imos defender o emprego na Costa da Morte e dicirlle ao señor Villar Mir que non pode facer de xefe colonial de Galiza”, salientou Pontón, quen tamén foi moi crítica co “silencio cómplice” do presidente da Xunta ao que pediu “que non rompa a unidade social e política sobre este asunto”.
A Lei é clara e di que as centrais foron construídas precisamente para crear e garantir e emprego na Comarca, alegou Pontón, “e se hai unha débeda con Galiza é a que ten o señor Villar Mir que leva feito moita caixa explotando os recursos naturais deste país e agora nos di que ou especula ou nos chantaxea con non desenvolver un proxecto industrial na Costa da Morte. Non imos permitir que se xogue co futuro económico desta comarca e para iso non se poden nin segregar, nin vender as minicentrais do Xallas”, concluíu.