Ana Pontón: “Vigo anticipa que o futuro de Galiza co BNG como alternativa ao PP”
A líder nacionalista advirte que os vigueses e as viguesas deixaron claro que están fartas da confrontación e de que a cidade sexa discriminada polo PP
Avanza a primeira proposta do BNG para a cidade na nova lexislatura: subir ao 50% a vivenda pública en Navia para ofertar en aluguer a prezo taxado
A primeira iniciativa parlamentaria para Pontevedra será ampliar o parque empresarial do Campiño en 400.000 m2 para evitar perder empresas
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou este martes Vigo para presentar aos deputados e ás deputadas electas do BNG que representarán na vindeira lexislatura á principal cidade de Galiza, cuxos resultados nas eleccións galegas do pasado domingo “anticipan que o futuro en Galiza pasa polo Bloque como alternativa ao PP”, asegurou.
Case un de cada catro vigueses que acudiron a votar escolleron o pasado 18-F a papeleta do BNG, salientou Pontón, que agradeceu a confianza depositada na forza nacionalista, que co 37 % dos votos resultou ser a que máis apoios recibiu en Vigo e no conxunto dos concellos da ría. Uns resultados que, ademais de confirmar ao BNG como alternativa para o cambio, evidencian que os vigueses e as viguesas están fartos “do maltrato e a discriminación” que a Xunta vén practicando coa primeira cidade do País.
“O PP faría moi ben en tomar nota do que pasou en Vigo, tras anos dun goberno que non escoita, que non dialoga e que confunde a súa maioría absoluta con absolutismo e o pasado 18 de febreiro miles de vigueses e de viguesas dixeron que non están conformes co maltrato e coa discriminación que a Xunta do PP vén aplicando á cidade e, por iso, debe escoitar a todas as persoas que non pensan como o Partido Popular e debe escoitar o que Vigo dixo nestas eleccións reclamando un trato xusto e solucións aos seus problemas”, destacou.
Fronte a un goberno que non atende á xente, Pontón comprometeu que o grupo parlamentario do BNG “vai estar á altura e vai redobrar esforzos para aportar solucións aos principais problemas da cidadanía”, trasladando así o compromiso das deputadas e dos deputados nacionalistas de traballar na nova lexislatura “con máis ganas e máis empeño que nunca”.
Anunciou, neste sentido, que a primeira medida que o BNG presentará en canto se inicie o novo período de sesións no Parlamento servirá para reclamar que o 50 % das vivendas previstas no polígono de Navia sexan públicas e construídas directamente pola Xunta para ofrecer en réxime de aluguer a prezo taxado. “Estariamos falando de 800 pisos que terían un impacto moi positivo á hora de facilitar o dereito á vivenda e sería a base dunha gran bolsa de vivenda pública nesta cidade”, explicou.
“O acceso á vivenda tense convertido en misión imposible para miles de persoas, xente moza, pero tamén para familias con menos ingresos”, denunciou Pontón, para quen isto é así por unha “dobre combinación letal”: a carestía e a falta de vivenda pública.
Pontón lembrou que a subida do aluguer en Vigo superou o 50% na última década e, de feito, o prezo medio é hoxe en día un 22% máis caro que a media galega, segundo os datos do Observatorio Galego da Vivenda. Ademais, precisou, o 40% das persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda protexida é de Vigo, 7.000 en total. E hai un total de quince barrios tensionados polos altos prezos, segundo o Instituto Galego de Vivenda e Solo.
A portavoz nacional destacou deste xeito a necesidade de revitalizar a construción de vivenda pública na cidade tras quince anos de goberno do PP marcados polo “abandono total” da construción deste tipo de vivenda, “que caeu a cifras completamente irrelevantes”, apuntou.
Pontón garantiu que Vigo a súa área metropolitana contarán con dúas deputadas con experiencia e coñecemento das prioridades desta zona de Galiza, manifestou en alusión a Carmela Gómez e Alexandra Fernández, ás que agora se suma Brais Ruanova, que aportará “empuxe o ganas” no labor de trasladar ao Parlamento os problemas dos vigueses e as viguesas.
Unha das cuestións prioritarias para os grupo parlamentario do BNG será a defensa da sanidade pública, con iniciativas para frear o seu deterioro nun área na que, recordou a líder nacionalista, se produciu a dimisión dos xefes e xefas de servizo da práctica totalidade dos centros de saúde.
A perda de emprego e peso industrial ou as infraestruturas de conexión con Portugal que precisan un impulso serán tamén asuntos preferentes para o grupo parlamentario do BNG.
Ampliación do parque empresarial do Campiño
Tras a súa visita a Vigo, Pontón desprazouse a Pontevedra para presentar tamén alí aos deputados e as deputadas electas pola provincia, un acto no que trasladou igualmente o compromiso do BNG para levar ao Parlamento os problemas que afectan á cidade do Lérez e a toda a súa comarca.
En Pontevedra, avanzou que entre as primeiras iniciativas que o BNG vai levar ao Parlamento está a ampliación do Parque empresarial do Campiño en 400.000 metros cadrados, tal é como solicitou hai un ano o goberno local, tendo en conta que este parque empresarial está practicamente ao límite da súa capacidade.
“Estamos ante un asunto fundamental para evitar un parón na actividade económica, porque non está Galiza para perder nin un só proxecto empresarial porque non haxa solo para acoller eses proxectos”, subliñou.
A recuperación produtiva e ambiental das rías, incluíndo a dragaxe da canle e desembocadura do Lérez tras quince anos de parálise por parte do PP ou a mellora das infraestruturas e a mobilidade, con proxectos estratéxicos como a variante de Alba e a variante do Vao, serán tamén temas prioritarios para o BNG en Pontevedra.