Ana Pontón: “O vento de Galiza é noso e debe ser a xente do País quen se beneficie desa riqueza”
BNG defende un modelo eólico con participación pública nos beneficios, fronte ao boom depredador a favor do lobby eléctrico que promove Feixóo
A riqueza eólica non pode ser unha “barra libre para o espolio”, no que ganan as multinacionais e perde a maioría social en plena estafa da luz
Propostas: ampliar a Rede Natura até o 20%, vincular a instalación de parques a proxectos industriais que xeren emprego e tarifa eléctrica galega
BNG retoma as xornadas Parlamento aberto, suspendidas na pandemia, para abordar o debate sobre a enerxía eólica e sobre o modelo que convén ao País partindo dunha premisa: o vento é dos galegos e das galegas e esta riqueza debe poñerse ao servizo das maiorías sociais, das familias e das empresas. En definitiva, debe usar para desenvolver Galiza cun modelo sustentable, respectuoso co medio rural e co medio ambiente.
Unha idea que a portavoz nacional, Ana Pontón, destacou na intervención de apertura da xornada, asegurando que están sobre a mesa dous modelos antagónicos que camiñan en dirección contraria: o que defende os intereses de Galiza, que representa o BNG; e o que defende os intereses do lobby eléctrico, que auspicia o Goberno do PP.
“Estamos nun momento clave para o desenvolvemento da enerxía eólica, mesmo diría nunha encrucillada con dúas direccións, por un lado o modelo depredador e especulativo que promove o Goberno de Feixóo facendo de comercial das eléctricas; por outro, o modelo sustentable do BNG, cunha premisa xusta e moi, moi fácil de entender: que o noso vento se poña a disposición do País, das familias e das empresas, para crear riqueza e emprego aquí, porque o vento de Galiza é dos galegos e das galegas”, argumentou a líder nacionalista.
“En definitiva, o modelo eólico sustentable a favor das persoas que defende o BNG e que, estou segura, apoia a maioría da cidadanía, fronte ao boom eólico depredador do PP a favor do lobby eléctrico”, sintetizou.
A formación nacionalista destaca que non se pode seguir cun esquema no que Galiza asume todos os custes, ambientais e sociais, por ser produtora de electricidade pero sen recibir ningún beneficio. Ao contrario, a cidadanía e as PEMES cada vez pagan máis nunha factura da luz convertida en estafa, hai miles de familias que sofren pobreza enerxética e miles de empregos en risco polos custes enerxéticos, mentres as eléctricas se forran. Este esquema é o que perpetúa a nova expansión eólica que impulsa o Executivo do PP.
“Hai que cambiar este modelo no que ganan as eléctricas e perde a maioría social e para iso fan falta dúas condicións: ter vontade política de facelo e ter medidas concretas para conseguir un modelo eólico a favor do País”, recalcou Pontón, para a continuación explicar as propostas “xustas e realistas” do Bloque.
Como segunda medida, a participación pública nos beneficios da riqueza eólica, lóxico que haxa un beneficio público e non só un lucro privado para unha presa de multinacionais como Iberdrola, Endesa, Naturgy enchendo o territorio de muíños cada vez de maior potencia e impacto.
Os datos son elocuentes: máis de 4.000 aeroxeradores en 106 concellos do rural que levan décadas soportando o custe ambiental pero seguen perdendo poboación, empregos, servizos e calidade de vida. Apenas un 5% de todo o beneficio queda nos municipios e menos do 2% da riqueza recae nos propietarios das terras. Hai que mudar esta realidade apostando por un desenvolvemento que poña o interese xeral por diante.
Terceira medida, vincular a instalación de parques eólicos a proxectos industriais que xeren emprego e riqueza aquí, porque resulta incomprensible que, en pleno boom, se pechen empresas que se dedican precisamente a construír parques, como foi o caso de Siemens-Gamesa ou agora a ameza de VESTAS.
Sustentabilidade e socialización dos beneficios
E, como cuarta proposta, abaratar a factura da luz a través da tarifa eléctrica galega aplicable a todas as fontes de produción de electricidade, unha tarifa máis baixa que compense o papel produtor, como é habitual en moitos países do noso entorno.
“O BNG da un si rotundo á enerxía eólica, pero a través dun modelo sustentable, respectuoso co rural e a favor da maioría social, porque non podemos permitir que esta riqueza se converta en barra libre para un novo pelotazo das eléctricas. O vento de Galiza e dos galegos e das galegas, e debe ser a xente deste País a que se beneficie desa riqueza”, concluíu Pontón.
A portavoz nacional agradeceu a achega de expertos no sector enerxético como Anxo Calvo e Xosé Manuel Golpe como poñentes do primeiro panel da xornada; e a Belén Rodríguez, integrante da executiva de Adega, e Ariadna Fernández, en nome de colectivos de afectados na comarca do Deza, protagonistas do segundo panel de debate.