Ana Pontón ve nos fallidos orzamentos do Estado a inutilidade para Galiza das forzas estatais
O BNG propoñía 2.000 millóns de euros fronte a un PP, PSOE, e Podemos-En Marea que non presentaron emendas a favor dos intereses dos e das galegas
Co proxecto de orzamentos do Estado xa convertido en papel mollado, o BNG centrou a súa intervención a favor de máis investimentos para Galiza en sintetizar as conclusións que deixa o debate das contas públicas no Congreso.
“Dúas. O cambio de Goberno central só implicou unha alternancia na discriminación, antes era o PP, agora é o PSOE. E a inutilidade das forzas políticas estatais, incapaces de defender os intereses dos e das galegas. O único que fan é conducirnos á irrelevancia política e receitarnos resignación”, argumentou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras subliñar que “ningunha forza política do Congreso, ningunha, presentou unha emenda de devolución alegando o interese de Galiza”.
Neste sentido, a líder nacionalista criticou a “sobreactuación” de Feixóo, “que acaba de descubrir a aldraxe tras unha década de ser cómplice da discriminación con este país”. “Non enganan a ninguén, aínda que os orzamentos do Estado recollesen un investimento de 2.000 millóns de euros seguirían votando en contra, porque sería unha boa nova para Galiza pero mala para os intereses electorais de Casado”.
Despois de que o PP deixara en legado un recortazo superior aos 400 millóns de euros nas contas de 2018, o PSOE, nuns orzamentos pactados con Podemos-En Marea, daba outra volta de torca cun recorte do 19% en investimentos fronte a incrementos millonarios para outros territorios.
“A Feixóo empeñado en ver a palla en ollo alleo mentres ignora a viga no propio, sucede a discriminación do PSOE”, salientou Pontón, quen tamén se referiu ao papel de En Marea-Podemos: “Non entendo como poden ser sociais uns orzamentos que discriminan aos galegos e as galegas, tremenda decepción a súa posición”.
O BNG cualifica os fallidos orzamentos como “inaceptables”. “Goberne quen goberne non é presentable que Galiza reciba o peor trato de todo o Estado tras unha década de recortes do PP”, recalcou, nun país con graves problemas sociais e económicos, con salarios e pensións á cola do Estado, cunha economía en desaceleración, con emigración e precariedade.
A proposta do Bloque apostaba por unha posición unánime do Parlamento para reclamar un mínimo de 2.000 millóns de euros de investimento, a cifra de fai dez anos cando o BNG condicionaba as contas do Estado. Así como unha batería de compromisos políticos como o rescate da AP9, rebaixa das peaxes, derrogar a prórroga de ENCE, a devolución do Pazo de Meirás e asunción da débeda do Porto exterior de Langosteira ou o pago dos 188 millóns de euros que o Goberno central debe en dependencia.