Ana Pontón ve “estratéxico” apostar pola ciencia e a innovación e propón duplicar os investimentos até acadar a media europea
“Hai que sacar Galiza do vagón de cola onde a situou o goberno de Feixóo e para iso fan falta recursos, pasar do 1% ao 2% do PIB”, argumenta
Propostas: Plan retorna do talento emigrado, definir a carreira profesional para estabilizar ó persoal investigador, crear o INNOGAL e reforzar á Universidade como xeradora de ciencia e investigación
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o centro de investigacións biomédicas da Universidade de Vigo (CINBIO)e aproveitou para destacar o “carácter estratéxico” que o BNG concede á ciencia e á investigación como motor para unha Galiza de futuro, próspera e de vangarda, “entendemos que é clave para o desenvolvemento social e económico e require unha aposta firme, máxime nun momento de grandes cambios e transformacións”, sintetizou.
O País ten capacidade e talento, pero é evidente, -dixo-, “que se precisan máis medios e unha mellor planificación para poñernos na vangarda científica”. Para avanzar nunha Galiza do coñecemento, Pontón puxo sobre a mesa tres cuestións fundamentais: financiamento, capital humano, -incluíndo a igualdade de xénero tamén neste eido-, e reforzar o sistema científico das universidades, principais produtoras de ciencia.
En todo caso, o Bloque seguirá traballando nesa dirección, tendo en conta que estamos nun momento en que se poden captar recursos e no que hai que abordar unha nova planificación unha vez que o Plan Galiza Innova caducou en 2020.
No ámbito dos recursos humanos, subliñou a evidencia de que sen científicos e científicas non hai ciencia. Por iso, urxe traer de volta o talento investigador emigrado e poñer en marcha medidas que reteñan o que aínda está aquí, ao que se suma a avalancha de xubilacións nos próximos anos.
“Hai que reter e captar talento e rematar coa precariedade que tamén se vive neste sector”, indicou. Para conseguilo, as propostas nacionalistas pasan por un Plan de captación e retención do talento que emigrou por falta de oportunidades; definir a carreira profesional investigadora para dar estabilidade ás persoas que queren traballar no ámbito científico, investigador e innovador; potenciar o sistema institucional coa creación do INNOGAL, na liña de do Ikerbasque en Euskadi ou o ICREA en Catalunya. “De feito, o BNG está elaborando a proposición de lei para a súa creación, en diálogo coas investigadoras e investigadores, que imos levar ao Parlamento”, avanzou.
O obxectivo é corrixir elementos de discriminación nas convocatorias públicas, “e estaremos moi vixiantes a que se cumpra por parte do Goberno da Xunta porque non nós podemos permitir perder o talento das mulleres, nin que estas se vexan obrigadas a escoller entre ser científicas ou ser nais”.
Finalmente, Pontón destacou a necesidade de fortalecer o sistema de I+D+i nas universidades, por ser estas o máis importante foco de xeración de ciencia e investigación e da súa transmisión ao sector económico público e privado e ao conxunto da sociedade. “Podemos ser unha potencia no ámbito científico, no que xa temos a moitos e moitas referentes, pero hai que facer unha aposta de país pola ciencia e polo coñecemento”, concluíu.
A líder nacionalista encabezou a delegación ao CINBIO, nunha visita guiada da man de Miguel Angel Correa, Diana Valverde e Noa Caramés, director, subdirectora e xestora do centro-, á quen agradeceu o encontro e o intercambio de ideas e valoracións. Visita que se produce dentro da rolda que o BNG está realizando polos máis destacadas entidades investigadoras de Galiza, visita na que tamén participou o portavoz municipal de Vigo, Xabier Pérez, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, e as deputadas por Vigo Carmela González e Alexandra Fernández.