Ana Pontón valora como positiva unha reunión con puntos de encontro na loita contra a violencia machista, infraestruturas e autogoberno
Lamenta que o presidente da Xunta desbote un gran acordo de País para a xestión dos fondos de recuperación Next Generation como defendía o BNG
Propón a xestión pública das sete novas residencias, reforzar a atención primaria, plan para reducir as listas de espera e un plan a saúde mental
Entrega a Feixóo un dossier con propostas en catro ámbitos: sanidade e servizos sociais, recuperación económica, infraestruturas e competencias
“Ante esta crise brutal, os galegos e as galegas esperan diálogo e que os responsables políticos sexamos parte da solución”, declara
A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou o encontro bilateral co presidente da Xunta, -dúas horas e media de reunión-, de “cordial e positivo”, no que se repasaron algunhas das grandes cuestións de país desde o “ánimo de aportar” a favor de Galiza, cada quen desde a súa responsabilidade e conscientes das diferencias políticas.
“Unha reunión desde o diálogo e con propostas, desde a evidencia de que somos forzas políticas diferentes, pero hoxe o debate non era o dunha sesión de control, senón para poñer sobre a mesa alternativas, ideas ante unha crise brutal e sumar a favor dos galegos e das galegas que nos piden altura de miras, que nos piden que sexamos parte da solución cando hai milleiros de persoas que o están pasando realmente mal”, sintetizou Pontón.
A xuntanza pivotou sobre catro grandes ámbitos temáticos que a líder nacionalista adiantara nun dossier remitido ao presidente da Xunta: sanidade e servizos sociais, recuperación económica da man dos fondos Next Generation, infraestruturas e autogoberno e transferencias. Cuestións nas que constataron evidentes diferencias pero tamén puntos de encontro.
No lado das coincidencias, asuntos relacionadas coa loita contra a violencia machista, infraestruturas e autogoberno.
Neste sentido, Pontón explicou que o mandatario galego avanzou que apoiará a proposta de lei presentada polo BNG no Parlamento para que a violencia vicaria, -a que se exerce contra a muller a través dos seus fillos e fillas-, sexa incluída como violencia de xénero a todos os efectos legais, “o que permitiría contar con todo o apoio da lei ante situacións que son dramáticas”, indicou. Igualmente, confirmou a disposición do xefe do Executivo a estudar un incremento das axudas ás vítimas do machismo.
Coincidencia tamén na necesidade de darlle un impulso a infraestruturas esenciais pero que levan anos de retraso, traballando, cando un desde a súa responsabilidade e utilizando a súa influencia política, en cuestións como a chegada do AVE, a modernización do ferrocarril, o corredor atlántico de mercadorías ou as conexións ferroviarias cos portos, con mención específica a Punta Langonsteira.
Neste punto, a líder do Bloque pediu a Feixóo que no relativo á AP9 “non se acepte nada por debaixo do recollido no acordo de investidura BNG-PSOE, que incluía a bonificación das peaxes con independencia da frecuencia de uso”.
Outro ámbito no que houbo puntos de encontro foi o das transferencias para avanzar no autogoberno real de Galiza, despois de que a líder nacionalista lle lembrara ao presidente da Xunta doce anos de mandato sen unha soa nova transferencia.
“Houbo coincidencia en abrir unha nova etapa para avanzar no autogoberno real empezando por reclamar todas as competencias que xa conseguiron as outras nacionalidades históricas, partido do cumprimento do acordo do Parlamento de xaneiro de 2020”, explicou Pontón, quen tamén propuxo que se convoque a Comisión mixta de
transferencias Estado-Galiza, “para abordar a transferencia da AP9, abrir o debate na transferencia de costas e, a de tráfico para desenvolver unha policía propia”.
No ámbito industrial, que ambos piden mellorar o estatuto das electrointensivas do Goberno central e, no caso da líder do BNG, ir máis aló da man dunha tarifa eléctrica propia que permita sacar partido de ser este un País rico en electricidade. E sintonía á hora de reclamar carga de traballo para Navantia.
A discrepancia foi total na diagnose da situación do sistema sanitario e dos servizos sociais así como en materia de recuperación económica da man dos fondos europeos Next Generation, onde Pontón deixou claro que o PP “xa tiña decidido fai meses que rexeitaba o gran pacto de país que propuxemos desde o BNG”.
“O presidente do Goberno ten optado por outra vía que non é a dun gran acordo de País, pode facelo porque ten maioría absoluta, pero penso que é un erro”, recalcou Pontón, para quen era obvio que Feixóo desbotaba esa posibilidade desde o momento que rebaixou o alcance da Comisión parlamentaria de reconstrución económica e social tanto desde o punto de vista político, negándose a comparecer; como desde o punto de vista económico, limitando a 33 M€ a cantidade “ridícula” para posibles acordos.
Novo paradigma económico
Pontón expuxo os tres puntos claves en relación aos fondos europeos: xestión directa desde Galiza, que non queden en mans dun puñado de multinacionais senón que se estendan a todo o tecido produtivo, Pemes e autónomos; e que senten as bases dun novo modelo económico sustentable, baseado na ciencia e na innovación.
Discrepancia absoluta tamén no ámbito sanitario, onde Pontón abordou o deterioro dos sistema público de saúde tras doce anos de recortes e privatizacións, indicando que faltan medios na atención primaria, hospitalaria, na atención a saúde mental e na atención a saúde da poboación máis aló da COVID. E deixou un paquete de propostas.
Plan de reforzo da atención primaria con 200 M€, plan de choque para saúde mental, medidas para reducir as listas de espera, e contratación de máis persoal en todos os servizos sanitarios. En relación á campaña de vacinación, criticou que a Xunta aínda non teña remitido unha proposta e pediu a Feixóo que se corrixan solapamentos na administración do antídoto así como a desigualdade nos ritmos de vacinación por áreas sanitarias.
En relación aos servizos sociais, Pontón propuxo ao xefe do Executivo que as sete novas residencias previstas nas grandes cidades galegas sexan de xestión pública directa, “sería unha mensaxe contundente de que se aposta por un cambio de modelo a favor do dereito a unha vellez digna e de que se toma nota do sucedido na pandemia”, concluíu.