Ana Pontón: “Vaiamos a por todas, con confianza en Galiza e seremos a forza política que máis medre nas municipais”
O Bloque aproba o programa marco municipal, xa elixidas as persoas que encabezan as candidaturas nas cidades
Destaca o modelo de goberno BNG para os concellos: eficaz, participativo, transformador, feminista, sustentable e capaz de mellorar a vida da xente
Denuncia o uso caciquil e discrecional que o Goberno do PP fai do Fondo de Cooperación Local e do Plan HURBE en vésperas de ano electoral
Anima á cidadanía a participar na mobilización convocada polo BNG o 18 de decembro contra unha crise de prezos que é unha estafa á xente do común
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG “vai a por todas” nas próximas elección municipais e amosou o seu convencemento de que o Bloque será a forza política que máis medre nas próximas eleccións locais. Así o afirmou no Consello Nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, que aprobou o programa marco municipal, xa elixidas pola militancia as persoas que encabezan as candidaturas nas grandes cidades.
“Demostramos que temos unha alternativa capaz de mellorar a vida das persoas, unha alternativa de calidade que ofrecerlle á cidadanía e, por iso, saímos a por todas nas próximas eleccións municipais, sen poñernos límites, para multiplicar o número de concelleiros e concelleiras, de alcaldes e alcaldesas, para conseguir máis BNG nos concellos”, proclamou, para a continuación definir o “modelo municipal” do Bloque.
“O noso modelo nos concellos é o da eficacia na xestión, transparente e participativo, igualitario e feminista, un modelo sustentable e capaz de xerar dinamismo económico. Así é o modelo municipal do BNG, concellos que defenden os servizos públicos con uñas e dentes, orgullosos dos nosos sinais de identidade e capaz de transformar en positivo”, sintetizou Pontón, tras enumerar as liñas mestras dese modelo de goberno para vilas e cidades.
Liñas mestras como a dunha xestión eficaz, -“na que cada euro se usa con eficacia a favor da xente”-, democracia, transparencia e participación cidadá; defensa dos servizos públicos e do benestar social ou a aposta polo tecido produtivo local e do emprego. Tamén definen ese modelo a capacidade para afrontar a emerxencia climática, desde unha mobilidade e un urbanismo sustentable a favor da xente e, igualmente, un modelo de goberno que ten no seu ADN a defensa dos sinais de identidade que representan a lingua e a cultura do País.
Pontón detívose especialmente na capacidade de xestión dos gobernos BNG, nun escenario de crise económica “no que cada euro conta”. Neste contexto, a líder nacionalista denunciou “o uso caciquil e partidista” que o Goberno do PP fai dos fondos destinados aos concellos, un uso “discrecional” que se agudiza coincidindo cun orzamento de 2023 de ano electoral.
Acompañou a súa denuncia con datos. En 2022, o 72% dos 489 M€ orzamentados para os municipios a través do Fondo de cooperación local foi distribuído de xeito discrecional; nos orzamentos de 2023, a porcentaxe ascende ao 74,6% dunha partida que suma 564 M€. Outro exemplo de reparto partidista é o Plan HURBE, no que “o uso caciquil do Goberno do PP é total”, de tal xeito que 57 dos 58 convenios asinados pola Xunta son con concellos gobernado polo Partido Popular. Pese a esta práctica antidemocrática que discrimina á cidadanía que opta por unha alternativa ao PP, “os concellos do BNG son moito máis eficaces”, recalcou.
Na súa intervención ante o Consello Nacional, a líder do Bloque fixo referencia á situación de crise e “á durísima situación que vive a maioría social” cos prezos disparados e subindo por riba da media, pese a que Galiza ten salarios e pensións que están á cola.
“E neste contexto temos a unha Unión Europea actuando como monicreque dos Estados Unidos, empeñada na vía militar como única saída a guerra en Ucraína, adoptando sancións que a quen máis prexudican é aos propios estados europeos e as súas cidadanías”, alegou. De feito, indicou, os grandes beneficiarios desta estratexia de “entreguismo” son as transnacionais da alimentación e da enerxía, “que se forran especulando con bens básicos para a sociedade”.
Tamén criticou a falta de alternativas “eficaces e valentes” por parte das forzas progresistas e de esquerda, “incapaces de frear o deterioro das condicións de vida da maioría social”. Un deterioro que impacta de cheo sobre os galegos e as galegas e que está agravado polo centralismo.
“Vémolo claramente no sector da enerxía, como o centralismo impide que unha Galiza rica en electricidade poida usar esa riqueza para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas. Ao contrario, vemos a alianza de PP-PSOE para acelerar o boom eólico depredador”, subliñou, “e vemos tamén un Partido Popular que goberna para unha minoría, que se abraza ás eléctricas, que fai agasallos a unha presa de millonarios cun pelotazo fiscal, que sigue adiante coa súa política de recortes e privatizacións da sanidade pública, mesmo poñendo en risco a saúde das persoas”, argumentou.
Neste contexto, Pontón animou á cidadanía a mobilizarse, “a saír a rúa” e participar na manifestación que o BNG ten convocada para o 18 de decembro en Santiago, “para dicir alto é claro que máis que ante unha crise estamos, unha vez máis, ante unha auténtica estafa á xente do común”.
A líder nacionalista comezou a súa intervención parabenizando ao movemento feminista e a todas as mulleres polas mobilizacións deste 25N na que volveron expresar, “alto e claro que non imos dar nin un paso atrás” ante a violencia machista, ante as “campañas-bulo” do Partido Popular que usa a dor das vítimas da violencia machista para opoñerse á Lei do si é si e ante un Goberno do PP que se despacha cunha campaña institucional “impresentable” e “indecente” na que culpabiliza ás mulleres da violencia machista e na que lles pide que renuncien ao seu dereito a ser libres e iguais. O PP debe retirar a campaña de inmediato e desculparse, sintetizou.