Ana Pontón urxe a Xunta e Estado solucións para a crise da Mariña e propón un Plan Industrial que garante o futuro da comarca
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a delegación do BNG que participou na manifestación “Polo Futuro da Mariña” que percorreu as rúas de Viveiro e na que reclamou a Xunta e Goberno central solucións urxentes para a grave crise que “leva demasiado tempo sufrindo a comarca, con peches de empresas e perda de emprego industrial” e que, segundo recalcou, provocou a perda “na última década máis de 1.000 empregos na industria”.
“Dende o BNG estamos hoxe nesta mobilización apoiando á veciñanza da Mariña que está lanzando un S.O.S. por Alcoa, por VESTAS, pero tamén un S.O.S. porque están vendo como lles están roubando o futuro”, explicou, para a continuación sinalar que “as cousas non pasan por casualidade; o Goberno central e a Xunta son os responsables desta perda de emprego industrial e de que hoxe teñamos a toda unha comarca co corazón nun puño porque está en xogo o seu futuro”.
Así mesmo, apuntou á necesidade de poñer en marcha “políticas ambiciosas que permitan darlle un futuro” á Mariña e, por iso, propuxo un Plan Industrial “que permita a diversificación da actividade económica e a xeración de emprego e que lle dea esa futuro a esta comarca”.
“Porque temos a absoluta convicción de que se a crise que está vivindo A Mariña, se Alcoa en vez de estar aquí, estivera en Madrid, a solución hai meses que estaría sobre a mesa”, cuestionou, logo de salientar que concretamente a produción de aluminio é ademais un “negocio que da beneficios e que é rendible”. “Polo tanto, queda unha vez máis desenmascarado que o problema é que hai unha multinacional que quere pechar a súa actividade; o que necesitamos son gobernos que defendan o emprego en Galiza”, concluíu.