Ana Pontón urxe a reacción internacional para que a axuda de UNRWA chegue a Palestina e para rematar co xenocidio israelí

Carme da Silva e Ana Pontón reunión UNRWA

Reclama a ruptura de relacións con Israel e advirte que, logo do resultado electoral, EEUU vai reforzar o seu apoio ao Executivo de Netanyahu

A líder nacionalista reúnese con Raquel Martí, directora executiva do comité español da axencia da ONU para as e os refuxiados palestinos

A portavoz nacional, Ana Pontón, urxiu dende Madrid a reacción da comunidade internacional para que a axuda humanitaria de UNRWA chegue a Palestina e “para poñer fin a un xenocidio que se leva por diante demasiadas vidas”.

“Estase enterrando o dereito internacional”, afirmou sobre o xenocidio de Israel cara ao pobo palestino logo do encontro que, xunto á senadora Carme da Silva, mantivo con Raquel Martín, directora executiva do comité español de UNRWA, a axencia da ONU para a poboación refuxiada de Palestina, cuxa actividade vén de ser suspendida en Israel e nos territorios palestinos ocupados polo Parlamento israelí a través de dúas leis que cancelan o acordo de cooperación de 1967.  

Pontón trasladou a preocupación do BNG por unha iniciativa lexislativa que “pretende que a axuda humanitaria non poida seguir chegando a unha poboación palestina que -advertiu- está nunha situación límite”.  

“Desde o BNG cremos que é fundamental que a comunidade internacional reaccione para que esa axuda humanitaria poida seguir chegando e, sobre todo, que reaccione para poñer fin a un xenocidio que se está levando por diante demasiadas vidas”, afondou.

Neste sentido, a portavoz nacional advertiu que, tras o resultado electoral que deu a vitoria a Donald Trump, EEUU “vai reforzar o seu apoio” ao xefe do Executivo israelí, Benjamin Netanyahu, polo que considerou ”fundamental” romper relacións diplomáticas, económicas e comerciais con Israel.

A líder nacionalista apelou así a unha presión "na que sexan moitas as voces desde a comunidade internacional que freen este auténtico xenocidio e que poidamos dicir que Palestina é libre e que se acabe con esta situación tan inxusta”, concluíu.