Ana Pontón urxe investigar as filtracións ás residencias e propón reforzar a inspección para garantir unha vellez digna
“Non é decente que o Goberno do PP desprotexa aos nosos maiores e se poña do lado dos intereses das empresas”, asegura a portavoz nacional
Anuncia que o BNG vai defender no próximo pleno propostas “concretas e realistas” para reforzar o sistema de supervisión e evitar que os centros poidan tapar deficiencias na atención ás persoas usuarias
A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao Goberno do PP que, de maneira inmediata, abra unha investigación sobre as denuncias das supostas filtracións dende a Consellería de Política Social ás empresas que xestionan residencias de maiores sobre as datas nas que van ser inspeccionadas. “Estamos falando duns feitos gravísimos, mais o PP mira para outro lado, nega os feitos e, ante as denuncias, opta por perseguir a quen as fai e non investigar”, denunciou.
Tras un encontro no Parlamento con representantes do sector das residencias de persoas maiores ao que asistiron representantes do servizo de Inspección de Política Social, dos e das traballadoras e das familias dos usuarios, Pontón anunciou que o BNG levará ao próximo pleno unha moción con propostas “concretas e realistas” para reforzar o sistema de supervisión nas residencias de maiores co fin de garantir unha atención de calidade e o dereito a unha vellez digna.
Ademais de reclamar que se abra unha investigación, o Bloque propón que se incremente o número de inspectoras e inspectores, polo menos duplicalos, posto que “a supervisión e control das residencias é clave para a seguridade das persoas maiores”, apuntou Pontón, logo de lembrar que actualmente só hai sete inspectores para atender 948 centros.
“O PP non quere que a inspección funcione e coloca os intereses das empresas por riba do dereito a unha vellez digna”, denunciou logo de salientar que ás denuncias feitas este verán súmanse outras anteriores feitas por persoal das residencias, usuarios ou incluso polo Consello de Contas, que nun informe de 2018 xa advertiu da escaseza de persoal, de deficiencias e desperfectos nas instalacións ou falta de rigor nos rexistros.
Outra das propostas que fará o BNG é blindar o modelo de inspección contra as filtracións, recuperando o sistema polo que os e as profesionais deciden o día das visitas e o comunican no momento de chegar á residencia. Co obxecto de acadar “transparencia e claridade”, o Bloque pedirá que se cree unha web de acceso público coa información das actas e informes das inspeccións, así como das sancións impostas e das axudas que recibe cada residencia privada ou concertada.
“Non é decente que o Goberno do PP desprotexa aos nosos maiores nas residencias e se poña do lado das empresas, moitas delas multinacionais controladas por fondos voitre desde paraísos fiscais ou por entidades relixiosas”, alegou a líder do BNG, que criticou ademais que “despois de todo o vivido na pandemia sigamos co mesmo modelo de residencias privatizado que fai negocio coa vellez”, até o punto de que “lonxe de mellorar no servizo estase indo para atrás”, tal e como lle transmitiron as traballadoras no encontro de hoxe.
A portavoz nacional referiuse, neste punto, á “elocuencia” dos datos, que indican que Galiza ten a porcentaxe de prazas públicas máis baixas de todo o Estado e que en catorce anos o Goberno do PP non puxo en marcha nin unha soa residencia pública. “O único que fixo o PP foi votar en contra da proposta de lei do BNG que tiña como obxectivo garantir unha vellez digna ás persoas maiores, calquera que sexan as súas circunstancias económicas e sociais”, engadiu.
O BNG defende que a mellor opción é que as persoas maiores desfruten desa etapa vital nas súas casas, “pero cando non sexa posible -subliñou- deben dispoñer dun modelo de residencias públicas capaz de garantir o dereito a unha vellez digna e nesa dirección seguiremos traballando ante un PP que se pon do lado das empresas que fan negocio cos nosos maiores”.