Ana Pontón: “O único voto útil é ao BNG, porque as forzas estatais só se acordan de Galiza en campaña”
Carme da Silva avanza que a súa primeira iniciativa no Congreso será acabar coa estafa das peaxes na AP9. Apela á confianza nas propias forzas o 28A cunha candidatura que é “un luxo”
A líder nacionalista reitera que as persoas que leven Galiza na cabeza e no corazón “teñen as portas abertas do BNG”, unha opción de país
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación da candidatura do BNG por Pontevedra para salientar que o 28 de abril é unha “oportunidade” para volver recuperar voz propia en defensa dos e das galegas, para “volver colocar Galiza no mapa” tras unha lexislatura “perdida” pola discriminación das forzas estatais, “as vellas e as novas”.
“Moita xente botou de menos ao BNG e por iso estou convencida de que imos ter un apoio moi grande tras constatar que esta ausencia tivo consecuencias negativas para o noso país”, argumentou Pontón, tras denunciar que a alternancia no Goberno do Estado foi tamén alternancia na discriminación: “Primeiro co PP e despois co PSOE, cos peores orzamentos para Galiza en 17 anos co apoio de En Marea-Podemos”.
“Cando o nacionalismo non está para defender os intereses do país os galegos e as galegas perden. Hai que mudar iso”, subliñou, “apostando por unha forza política propia porque un ou catro deputad@s do Bloque son máis útiles que 23 ás ordes dos seus xefes en Madrid, chámense Casado, Sánchez ou Iglesias”. “É decisivo recuperar voz propia para evitar que Galiza volva estar desaparecida”, reiterou.
Por iso, proclamou Pontón, o voto útil é o voto ao BNG frote á inutilidade de votar a partidos que se esquecen deste país ao día seguinte de pechar as urnas.
“O voto máis inútil é o que se lle da ás forzas estatais que só se acordan de Galiza cando hai campaña, a forzas que só ven este país como un graneiro de votos. Como vai ser útil votar a quen nos sube as peaxes, a quen se nega a que teñamos unha tarifa eléctrica galega, a quen retrasa todas as infraestruturas, a quen non sanea as nosas rías, como vai ser iso útil?”, interpelaba.
“O útil é ter capacidade para poñer os nosos asuntos sobre a mesa e darlle a volta a situación, o útil é votar BNG porque non ten ataduras e garante, nun escenario sen maiorías absolutas, que vai condicionar a política estatal a favor de Galiza. Esta é unha reflexión que se fan moitos galegos e galegas”, alegou Pontón, convencida de que a candidatura nacionalista vai ter un gran apoio: “Vexo na rúa, dinmo as persoas, noto nas redes sociais, hai unha corrente que quere que volvamos estar aí dando a cara porque non estar tivo consecuencias”.
Nese sentido, a líder nacionalista reiterou que todas as persoas que levan Galiza “na cabeza e no corazón teñen as portas abertas do BNG porque esta non é a candidatura dunhas siglas senón unha candidatura de país”, da man dunha forza política “unida, solvente e cun proxecto claro”.
Esperanza e confianza
A candidata pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou que “é preciso confiar en nós mesmos para que Galiza volva estar presente no Congreso” subliñou que a situación actual do país pode mudar con políticas axeitadas poñendo como exemplo o que os logros na cidade do Lérez, referente internacional confiando na sociedade, nas ganas de cambio, e nas posibilidades do concello.
Da Silva asegurou que coas capacidades e potencialidades que ten Galiza se o BNG consegue estar en tódolos lugares nos que se toman as decisións e inflúe nesas decisións “este país terá un futuro moi diferente”. “Temos que transformar a potencia deste país no movemento que permita que prospere. Con ese ánimo nos presentamos, de dar traslado á sociedade e de confiar en nós mesmas para que Galiza volva estar no Congreso a partires do 28 de abril. Querendo, esforzándonos e non rendéndonos nunca pódense conseguir grandes cousas”, dixo.
Manifestou ademais o seu orgullo por traballar da man da “grande equipa” conformada por persoas de diferentes comarcas e sectores da realidade galega: “Todas estas persoas coñecen a realidade do país a pé de terra. Ninguén ten que vir explicarlles nada”, sentenciou.
En canto ás iniciativas concretas a desenvolver no Congreso, a candidata destacou que a lista de necesidades para a provincia é extensa, mais indicou que unha das prioritarias é liberar a peaxe da AP-9, que definiu como unha vía estratéxica para o desenvolvemento de Galiza que galegos e galegas están volvendo a pagar cando xa está pagada. “É un espolio, un atraco”, finalizou.