Ana Pontón trasladará a Oriol Junqueras o apoio e solidariedade do BNG o luns 5 no cárcere de Lledoners

Ana Pontón e Oriol Junqueras (ERC)

Afirma que é o momento de plantarlle cara á ofensiva política, xudicial e mediática do neofranquismo porque “non todo vale” e hai que quitarlle a máscara de demócratas aos Salvinis e Bolsonaros españois

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reúnese o vindeiro luns, 5 de novembro, con Oriol Junqueras na prisión de LLedorners, encontro acordado hai semanas e que dá continuidade o mantido pola  eurodeputada, Ana Miranda no mes de setembro co propio Junqueras e Raül Romeva.

Na reunión do vindeiro luns,  a portavoz nacional, Ana Pontón, acompañada da eurodeputada, Ana Miranda, trasladarán a Oriol Junqueras o apoio e solidariedade do BNG  e analizarán actual  situación política.

Para a líder do BNG, a situación de Junqueras e do resto de presos e presas políticas cataláns é produto da “profunda deriva autoritaria do Estado español” que persegue e encarcera ou exilia a políticos, sindicalistas, activistas, tuiteiros ao tempo que permite a apoloxía franquista nos medios de comunicación e ataques á diversidade lingüística do Estado.

Pontón manifesta que o sentir maioritario da sociedade é de “fastío e indignación” dunha realidade á que é necesario responder colectivamente cun “basta xa, ben alto e claro”. é o momento, reitera a portavoz nacionalista de “plartarlle cara ao neofraquismo e desenmascarar a imaxe de demócratas dos Salvinis e Bolsonaros españois”.

Para o BNG, que Junqueras, Forcadell, Romeva e o resto de políticos cataláns continúen presos, un ano despois do Referendo de independencia celebrado o 1 de outubro, constata "a incapacidade do Goberno central para buscar e acordar solucións políticas a un conflito exclusivamente político", a diferenza do que acontece noutros estados con maior tradición e calidade democrática. Neste sentido, a líder do BNG afirma  que o  Estado español actúa "desde a persecución das ideas, e contra a  cultura do acordo e do diálogo como o que  practicou Canadá co Quebec, o Reino Unido con Escocia ou o vindeiro ano Dinamarca coas Illas Feroe. O problema de fondo para a portavoz do BNG  é un: “O Estado español négase  a asumir o seu carácter plurinacional e a actuar en consecuencia, recoñecendo o dereito a decidir.

Ana Pontón explica que a situación que padecen Junqueras e o resto de presos políticos cataláns só pode ser cualificada de "ensañamento" e indica que, como cada vez denuncian máis membros da propia xudicatura, "non é xa un asunto de independencia si ou non. É un asunto ligado á defensa da democracia, das liberdades e dos dereitos e iso é o que  está en perigo”.

 Pontón recalca que “no proceso catalán estamos desde o comezo ante unha clara vulneración da separación de poderes por parte do Estado, cunha evidente instrumentalización da xustiza e dos corpos e forzas de seguridade. Hoxe fano contra o proceso catalán, mañá farano contra quen lles moleste. As persoas que defendemos a democracia e os dereitos temos que erguer a voz e denuncialo".

LIBRE ASBSOLUCIÓN E RESPECTO DO POBO CATALÁN A DECIDIR O SU FUTURO

Para o BNG non é o tempo de “rebaixas cosméticas nas peticións de condenas”, é  momento da “libre absolución e busca dunha solución política  a un conflito político que só pode pasar polo respecto do dereito do pobo catalán a decidir libre e democraticamente o seu futuro”.

Pontón asegura que as condenas non son só un ataque ao soberanismo catalán, representan  “unha advertencia” do que  pode acontecer a outras  forzas políticas que, como no caso do nacionalismo galego, “cuestionamos as decisións dun estado que sistematicamente discrimina a Galiza e impide desenvolver os nosos dereitos como pobo”.