Ana Pontón traslada a solidariedade do BNG ao persoal das auxiliares de Endesa e esixe a Xunta e Estado que dean a cara
A portavoz nacional tacha de “indecente” a negativa dos dous gobernos “á fuga” de reunirse co cadro de persoal afectado polo peche da central
Defende a creación dun centro de almacenamento enerxético nas Pontes e a vinculación dos proxectos eólicos a proxectos industriais na comarca
A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou a solidariedade do BNG ás e aos traballadores das auxiliares de Endesa nas Pontes que manteñen unha acampada en protesta pola inacción das Administracións galega e estatal ante o peche da central térmica e dxs que dixo “tanto a Xunta, como o Goberno central, como Endesa están deixando tirados”.
“Parécenos indecente que nin o presidente da Xunta nin a ministra de Industria se queiran reunir cos traballadores e traballadoras, que leven semanas pedíndolles unha xuntanza e que nin tan sequera respondan a esas peticións”, afirmou con severidade para engadir a continuación que “cando estaban en campaña electoral paseáronse todos por aquí dicindo que ía haber solucións, pero agora vemos que cando non son capaces de darlles esas solucións, cando se acercan os momentos máis decisivos, nin están, nin responden”.
Para a portavoz nacional estamos diante de “dous gobernos á fuga, xusto nun momento no que o que se necesita é un compromiso real do Goberno central e da Xunta para plantarlle cara aos plans de Endesa que claramente vai cara ao desmantelamento”, logo de advertir que o peche pode afectar a 1.200 traballadores e traballadoras, segundo o estudo propio do concello das Pontes, que cifra o nivel de afectación nun 25% da poboación do municipio. “Isto non é unha transición enerxética xusta, senón un peche puro e duro –reprobou- e estamos ante unha tremenda irresponsabilidade política que retrata a incapacidade de ámbolos dous executivos para xestionar unha verdadeira transición enerxética xusta”.
Pontón recordou que o BNG sempre avogou por afrontar a transición enerxética con alternativas, pero que “antes de pechar a central tiñan que estar funcionando esas alternativas”, polo que advertiu de que aínda que finalmente proxectos como unha planta de hidróxeno verde se poidan converter finalmente nunha realidade, “no curto non van ser as alternativas que poidan xerar emprego”. Nesta liña, propuxo a creación dun centro de almacenamento de enerxía para As Pontes vinculado coa I+D+i, o que, segundo recalcou, permitiría desenvolver “un polo irradiador que non só xere enerxía, senón que actúe no ámbito da investigación enerxética, que é unha das cuestións de futuro e onde outros xa están tomando a dianteira”.
Porque para a portavoz nacional do BNG “o grave é que mentres outras Administracións, como o Goberno vasco, xa lle está dando forma a un centro destas características, a Xunta está de brazos cruzados; nin está nin se lle espera”, reprochou. Do mesmo xeito, Pontón defendeu tamén como alternativa que “os proxectos de enerxía eólica se vinculen con proxectos industriais que teñen que estar na propia comarca” e avanzou que no pleno do Parlamento galego que empeza mañá “imos levar unha moción no que defendemos esas alternativas a corto e a medio prazo para As Pontes”.
“Estamos nun momento decisivo, de grandes cambios e de grandes transformacións, e non podemos permitir que Galiza quede fóra porque somos un país con capacidade e con potencial”, recalcou para a continuación concluír que “aquí hai moita xente experta no ámbito da enerxía, unha fortaleza que se debería aproveitar para articular precisamente ese novo modelo enerxético, pero lamentablemente o que temos é un Goberno galego e un Goberno central que nos demostran que se están pregando aos intereses de Endesa”.