Ana Pontón traslada a Alianza Rural Galega as liñas de actuación do BNG para o desenvolvemento do medio rural
- A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón mantivo hoxe un encontro en Santiago con representantes de Alianza Rural Galega co fin de trasladarlle o conxunto de medidas do BNG para un “desenvolvemento real” do medio rural
A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza cos representantes de Alianza Rural Galega aos que trasladou as liñas de actuación do BNG cara un desenvolvemento sustentable do medio rural.
No transcurso da reunión con Alianza Rural galega, representada por trece entidades, a candidata nacionalista trasladoulle as principais liñas de actuación entre as que destacou “unha política de prezos xustos paras as persoas produtoras agrarias” cun marco galego de negociación dos prezos do leite que cubran, como mínimo custes de produción, creación dun grupo lácteo galego e grupos industriais de transformación alimentaria en Galiza e fomentar os circuítos curtos de comercialización, distribución e consumo.
Ademais, a candidata do BNG tamén apostou por unha política de ordenación dos usos da terra e a orientación de cultivos por comarcas e zonas agrarias.
Ana Pontón sinalou que o BNG priorizará unha política de axudas directas para que as persoas que viven e desenvolven unha actividade económica no medio rural conten co apoio público por comprometerse a xestionar o territorio dunha forma sustentable.
A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón estivo acompañada polo candidato nº2 da provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas (Mini) quen denunciou que tras a chegada de Feijóo á Xunta “desapareceron cerca de 4.000 explotacións lácteas galegas” case un 30% das existentes en abril do ano 2009. O BNG, dixo, defende un medio rural no que os agricultores e agricultoras poidan vivir do seu traballo e que o Goberno galego garanta prezos xustos para manter as producións, só así conseguiremos “un territorio vivo e non abandonado”.