Ana Pontón: “A transferencia da AP-9 debe ser o primeiro paso para acabar coa estafa legalizada das peaxes”
Día importante para que Galiza, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, a poucas horas do debate da Lei de transferencia da AP-9 no Congreso, porque desde hoxe estará máis cerca a xestión galega desta vía clave para o país e, por tanto, o principio do fin dunha discriminación histórica e dun saqueo millonario en forma de peaxes “que son unha estafa legalizada”.
Pontón tamén destacou que esta era a segunda vez que a Cámara baixa debate a lei do Parlamento galego e, por iso, debería ser tramitada coa maior axilidade. De feito, a líder nacionalista destacou que o actual período de sesións debería ser tempo suficiente para aprobar a transferencia definitiva a Galiza dunha infraestrutura estratéxica para a economía e a mobilidade do país.
Igualmente, indicou que Euskadi ou Catalunya fai décadas que teñan a xestión directa de autoestradas coetáneas da AP9. Pontón tamén chamou a atención sobre o feito de que esta sería a primeira transferencia para Galiza desde que Feixóo chegou ao Goberno da Xunta.
Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lembrou a histórica demanda da sociedade galega no relativo a autoestrada e sinalou que é “un paso nun camiño que é moito máis amplo que é conseguir unha AP9 galega e libre de peaxes”. Así mesmo, lembro que o BNG ten defendido a súa transferencia e a gratuidade da autoestrada desde hai anos: “xa no ano 2015 o BNG presentou no Parlamento de Galiza unha Proposición de Lei que foi aprobada por unanimidade pero que reiteradamente veu chocando co veto da Mesa e do goberno de Mariano Rajoy” apuntou Rego.