Ana Pontón tacha de "burla" a comparecencia do titular de Política Lingüística

Para a deputada, Política Lingüística segue "incumprindo as leis" comparecendo no Parlamento sen remitir previamente o informe sobre as previsións  e custos das accións para fomentar os lazos culturais e lingüísticos de Galiza co mundo da lusofonía e o ensino do portugués en Galiza.

A deputada do BNG, Ana Pontón acusou hoxe ao Secretario de Política Lingüística, Valentín García de “non cumprir” a lei aprobada no Parlamento para a ensinanza do portugués no ámbito educativo de Galiza como materia estranxeira e promover as relacións estratéxicas de Galiza co mundo da lusofonía.

Pontón acusa a Valentín García de “falta de credibilidade”

Tras a comparecencia de García para informar das accións de fomento dos lazos culturais e lingüísticos de Galiza co mundo da lusofonía, a parlamentaria acusou ao secretario xeral de “falta de credibilidade” e de vivir “unha farsa” na que está convertido un goberno que cre que a mellor maneira de gobernar é a través de “titulares e mentiras”.

Tense creado no Goberno galego algún órgano que coordine o impulso desta lei nas súas diferentes vertentes, preguntou Pontón porque esa é “a primeira obriga dun Goberno responsábel”.

Qué fixo a Xunta para impulsar o idioma portugués?

Fixo a Xunta de Galiza algunha campaña para que a poboación galega sexa consciente de que pode optar ao ensino de lingua portuguesa e cales son as vantaxes para o alumnado galego con esa opción?. Onde está, en que medios de comunicación e con que resultado, preguntou a deputada porque a realidade, afirmou, é que existen 7 veces menos alumnado en Galiza que en Estremadura e recalcou que en Estremadura existe unha lei de impulso da lingua portuguesa cun incremento do 35% do alumnado no ensino primario e secundario, mentres en Galiza só existen centros con profesorado intentando impulsar o ensino do portugués.

Por outra parte, Ana Pontón tamén criticou a falta de estratexia económica relacionada coa externalización da cultura galega que segue baixando sobre todo coas empresas culturais. A deputada aludiu á recepción das televisións portuguesas e da TVG en Portugal das que dixo, “ningún avance” a pesar das reclamacións do BNG no Parlamento galego e no Congreso dos deputados.

Ana Pontón pide un compromiso de Política Lingüística para que o galego non retroceda no Bierzo

Finalmente, e aínda que no formaba parte da orde do día da comisión, a parlamentaria do BNG denunciou a situación do ensino galego no Bierzo e “os pasos a trás” da LOMCE na configuración do estatus do galego. “ É inadmisible” censurou a deputada, que o galego fique reducido a unha optativa fora do horario lectivo polo que pediu ao Secretario de Política Lingüística un “compromiso” para que o galego non retroceda no Bierzo.Unha Lei “non pode pisotear dereitos fundamentais como estudar galego tamén no Bierzo”.

A parlamentaria concluíu a súa intervención lamentando que o secretario xeral non respondera a ningunha das preguntas formuladas e a falta de compromiso sobre a situación do galego no Bierzo.