Ana Pontón subliña a importancia dos descontos logrados polo BNG pero reitera que o obxectivo é unha AP-9 galega e libre de peaxes

Encontro A Coruña

Advirte que a chave da autoestrada máis importante do País non pode estar en mans de fondos voitre e defende que Galiza tome o seu control

Recalca que o rescate da AP-9 non só “é posible e viable”, senón que permitiría deixar de pagar “2.844 M€ de peaxes nas sombras”

Denuncia que as galegas e os galegos poderían circular hoxe por unha autoestrada gratuíta se non fose pola ampliación ilegal de 25 anos do Goberno do PP

A portavoz nacional, Ana Pontón, subliñou na Coruña a importancia dos históricos descontos nas peaxes da AP9 obtidos polo BNG, pero incidiu en que o obxectivo final é lograr ter unha autoestrada galega e libre de peaxes, logo que o Goberno central aprobara a tramitación de urxencia das novas bonificacións e en pleno debate político polo rescate despois de que o Congreso tamén apoiase a iniciativa nacionalista para impulsalo.

“Non imos descansar até que teñamos unha AP-9 galega e libre de peaxes”, afirmou Pontón, quen indicou que os novos descontos son “un primeiro paso” para lograr o  obxectivo real do BNG que é acadar a gratuidade da autoestrada porque “os galegos e as galegas non teñen que seguir pagando peaxes para que se forren fondos de investimento”, recalcou logo da presentación aos axentes sociais e económicos da Coruña do informe encargado polo BNG á UDC sobre a situación xurídica e o custe do rescate da infraestrutura terrestre máis importante do País.

A portavoz nacional referiuse deste xeito á operación de compravenda pola que un fondo de investimento dos Países Baixos acaba de facerse co control da autoestrada galega. “O que non pode ser é que a chave dos nosos cartos a teña un fondo voitre, o que queremos é que a chave da AP9 a teñamos os galegos e as galegas e que deixemos de pagar unhas peaxes que son unha estafa legalizada”, alegou para indicar a continuación que “chegou o momento de que o País tome o control” da autoestrada.

Logo de subliñar que o BNG vai seguir traballando para conseguer tanto o rescate como a transferencia da AP9, Pontón recordou que a cidadanía galega xa estaría circulando hoxe en día pola autoestrada “se non fose pola prórroga de 25 anos aprobada polo Goberno do Partido Popular do señor Aznar”.

Nesta liña, criticou tanto a PP como a PSOE por “non mover nunca un dedo” para rematar cunha discriminación e un agravio que obriga aos galegos e ás galegas a pagar peaxes máis altas e durante máis tempo que o resto de cidadáns do Estado español, polo que apelou a “seguir facendo presión política e social” para rematar con esta situación.

Prórrogas ilegais

Unha situación que, segundo as conclusións do estudo encargado polo BNG aos académicos da UDC Carlos Aymerich e José Antonio Blanco, derívase da aprobación das dúas prórrogas de PSOE e do PP que “son ilegais”, dado que ampliar a concesión da AP9 en 35 anos supón un cambio substancial nas condicións do contrato, polo que tería que terse producido unha nova licitación, e viola a normativa tanto europea como estatal en relación aos principios de igualdade e de transparencia na contratación pública.

Neste contexto, e apelando a aproveitar a porta que abre o ditame da Comisión Europea que advirte desta ilegalidade, a líder nacionalista afirmou que “a única vía posible é a anulación do contrato”, o que implica que a empresa concesionaria non teña dereito a lucro cesante e, polo tanto, reduciríase substancialmente o custe do rescate.

Un rescate que, segundo o estudo da UDC encargado polo BNG, cífrase en 904,7 millóns de euros, o valor de mercado da autoestrada, polo que “non tería ningún sentido que desde o ámbito público se pagase máis caro que no privado”, advertiu.

“Polo tanto non son os 4.000 millóns que dicía o Goberno do PP, nin tampouco os 6.000 que di o Goberno do PSOE, nin tampouco os 2.355 millóns do informe encargado pola Xunta a unha xestoría que, casualmente, ten como principal cliente á concesionaria”, afirmou Pontón, quen afeou ao Executivo de Alfonso Rueda un informe que é “un traxe a medida dos intereses de Audasa” e que supón “un sobrecusto de 1.450 millóns de euros”.

Peaxes na sombra

A portavoz nacional tamén indicou que, se non se fai nada para cambialo, as peaxes na sombra que habería que pagarlle a Audasa ascenderían a 2.844 millóns de euros até o remate da concesión en 2048, unha cifra calculada polo propio Consello de Estado no ditame elaborado por este órgano consultivo cando se someteron a consideración do mesmo as bonificacións da autoestrada galega.

“Este dato é importante porque o que nos di é que rescatar a AP9 non só e posible, non só e viable, senón que é o máis barato para as arcas públicas”, incidiu para defender un rescate que non é só un acto de xustiza cos galegos e coas galegas, senón que tamén supón “aforrar miles de euros nas arcas públicas”, dado que todos os informes oficiais que hai neste momento din que “imos pagar máis polas bonificacións das peaxes que polo rescate”.

Por iso, Pontón considerou que rescatar a AP9 é só cuestión de “vontade política” e permitiría para “acabar cunha discriminación e cunha estafa legalizada que teñen que pagar cada día miles de galegos e de galegas”, concluíu.