Ana Pontón: “Son a candidata de todos os galegos e as galegas que queren cambio, votasen o que votase noutras eleccións”
Apela á mobilización masiva convencida de que 2024 traerá un goberno liderado polo BNG porque “a esperanza derrotará á resignación”, anticipa
Proclamada candidata nun acto multitudinario cargado de emoción e de entusiasmo cunha audiencia entregada que a recibe como presidenta
A portavoz nacional, Ana Pontón, foi proclamada candidata á Presidencia nun acto multitudinario na capital do País, cargado de emoción e de entusiasmo, no que a líder do BNG convocou á cidadanía a facer historia para ter unha presidenta coas mans libres: “A min ninguén desde Madrid me vai poñer límites á hora de defender Galiza”.
Ante unha audiencia entregada, Pontón subliñou que esta non será unha campaña máis porque estamos ante as eleccións máis importantes das últimas décadas cun BNG convertido na alternativa real ao PP, preparado para gobernar galego: “É agora”, sintetizou, dirixíndose a todas as persoas que queren cambio.
“Ser a candidata do BNG á Presidencia da Xunta é unha honra e unha enorme responsabilidade, e quero dicirlles a todas as persoas que queren cambio que son a súa candidata, non importa o que votaran noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo”, explicou. Pontón incidiu en ser a candidata “desa maioría que sabe que o futuro pode ser mellor se confiamos nas nosas propias forzas, porque o futuro gáñase desde o amor e desde a confianza no que somos, como País e como pobo”.
Neste sentido, Pontón convidou a botar a vista atrás, ós corenta anos de democracia con seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais. “Pensades que nos foi ben, que colocaron a Galiza no lugar que lle corresponde?”, interpelou, para concluír que urxe abrir un tempo novo.
“Humildemente, penso que Galiza vai saír ganando, que lle vai ir moito mellor cunha presidenta do BNG, e por iso pídolle ós e ás galegas que me dean a oportunidade de demostralo, de demostrarlles que podemos facelo mellor. Unha presidenta coas mans libres e un proxecto común de País, pensado desde nós e para nos, é a combinación perfecta para poñer en marcha a Galiza en grande que queremos e que merecemos”, argumentou.
Pontón rememorou o acto no que foi proclamada candidata hai catro anos para prognosticar que o Bloque liderará o próximo goberno: “Naquel momento tiña algo máis de barriga e compartinvos a sensación de que a miña filla tiña presa por nacer e que non sería o único novo que nacería nese ano. Ao día seguinte rompín augas e naceu Icía e ese 2020 trouxo a semente do cambio cun BNG que pasou de seis a dezanove escanos. Hoxe dígovos que 2024 será o ano no que naza un novo goberno liderado polo BNG”, proclamou.
Pontón ironizou insistindo en que non pretendía ir de adiviña pero advertindo que até a cita coas urnas ían multiplicarse as voces interesadas en negar calquera posibilidade de cambio.
“A eses predicadores do non imos dicirlles coa cabeza alta e cun sorriso na boca que se equivocan, que o seu tempo pasou, que hai unha Galiza que vai deixar atrás o tempo da resignación e do pesimismo, que a esperanza derrotará ao inmobilismo, a confianza triunfará sobre a resignación, así que a por todas, imos facer historia”, proclamou, ao tempo que apelaba a unha mobilización masiva e a non dar nada por feito.
Tarefa colectiva
“Non será fácil e sería un erro tremendo dalo por feito, ao contrario, temos que mobilizarnos, falar con todo o mundo, coa man tendida; temos que entusiasmar, convencer, animar e alimentar esa corrente de cambio imparable”, apelou, subliñando que poñer en marcha un tempo novo liderando o próximo goberno da Xunta é unha “tarefa colectiva”.
Facer historia cunha presidenta capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande fronte a Galiza en pequeno que deixa o goberno do PP, “catorce anos de retroceso, ese é o legado de Rueda”, sintetizou en referencia ao candidato popular, ao que ve máis “enfurecido” que nunca co BNG, “cabreado” porque desde a oposición o Bloque impulsa unha axenda galega ante o Estado en contraposición coa súa incapacidade para defender os intereses do País. “Imaxinade o que poderíamos conseguir cunha presidenta coas mans libres para defender o noso ante Madrid!”.
Avance co BNG Vs. retroceso do PP
Galiza non pode seguir cara atrás nin un minuto máis, ten que empezar a avanzar porque está en xogo a sanidade, a atención ás persoas maiores, o futuro da xente moza, sacar adiante os sectores produtivos ou preservar o territorio, citou Pontón, nun momento en que hai que afrontar grandes retos cunha crise con múltiples caras, a climática e ambiental, a social, a de prezos. “Así de importante é todo o que está en xogo”, recalcou.
E neste contexto, a candidata alertou contra o previsible intento das forzas estatais de desviar a atención do importante, contaminando ás eleccións galegas “coas súas batalliñas e liortas madrileñas”, demostrando que nin teñen proxecto para este País nin lles interesa, “non merecemos a súa crispación madrileña porque as eleccións non van de Feijóo nin de Sánchez, van de solucións para o noso futuro colectivo, de facernos valer e de avanzar”.
Preparadas para gobernar
Fronte aos que están presos do centralismo, o proxecto solvente do BNG para construír un país mellor, a favor da xente, das familias, da clase traballadora e do tecido produtivo e empresarial do País. "Estamos preparadas para gobernar desde o rigor, a solvencia e o realismo”, subliñou Pontón, “sen perseguir imposible nin prometer o que non poidamos cumprir, con propostas para transformar e capacidade para levalas adiante”.
Neste sentido, a candidata á Presidencia esbozou as prioridades dun goberno do Bloque, empezando por reforzar os servizos públicos, -sanidade, educación, o coidado das persoas maiores-; apostando por darlle futuro á xente moza, o apoio aos sectores produtivos tendo claro que a ciencia e a innovación son claves para unha economía que xere riqueza e emprego de calidade a través do coñecemento, non da precariedade e dos baixos salarios.
Un goberno que quere darlle a Galiza un modelo enerxético ao servizo do País, revertendo o espolio eólico do PP, “a miña primeira decisión como presidenta en materia enerxética será quitar a cadeira que as eléctricas teñen no Consello da Xunta”, subliñou. Igualmente, será un goberno que defenda a lingua e a cultura galega, o avance dos dereitos e das liberdades das mulleres desde o feminismo, unha Galiza diversa e plural, na que cada quen sexa libre para sentir, amar e ser o que queira ser.
Poñer en marcha unha Galiza mellor
Fronte a un PP que representa o pasado, este é o momento do BNG para poñer en marcha esa nova Galiza, recalcou. “Teño a certeza de que temos ao alcance da nosa man facer historia, de que imos liderar o goberno do cambio porque somos unha forza humilde pero digna, que non lle vai fallar nin a Galiza nin a súa xente”, declarou na súa intervención, “é o momento de facer historia cunha presidenta así que a por todas para poñer en marcha un País mellor”, concluíu.
A intervención da candidata pechou un acto conducido pola presentadora Beatriz Campos, que abriu a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e na que tamén tomaron a palabra militantes e simpatizantes como Mercedes Veites, emprendedora do téxtil desde o rural, Miguel López, médico, Rocío Barreiro, do sector da ciencia, Fran Quiroga, do ámbito da cultura e Beatriz Fernñandez, traballadora de DomusVi. Voces da Galiza real que expresaron o seu desexo dun cambio da man do BNG.