Galegas 2024

Ana Pontón: “Son a candidata de todas as persoas que queren cambio e saben que apostar polo BNG é a maneira de logralo”

Ana Pontón

Apela a facer historia cunha presidenta coas mans libres o 18F, logralo está ao alcance da man e só depende dunha presa de votos, proclama

Comprometese a presidir  o mellor goberno de todos os tempos para poñer en marcha unha Galiza punteira e vangardista, a favor da maioría social

Pide confiar nas propias forzas porque ninguén vai vir de Madrid “a sacarnos as castañas do lume, nun o fixeron e non van facelo agora”

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, pechou a multitudinaria convención do BNG apelando a unha mobilización masiva para derrotar ao PP cunha  vitoria histórica e poñer en marcha o mellor goberno de todos os tempos. Para iso, recalcou, ningún voto do cambio pode quedar na casa.

“Este é un deses momentos nos que un País ten que erguerse para loitar polo seu futuro e a iso convocou á cidadanía, a que o 18 de febreiro ningunha persoa que queira cambio quede na casa e a que ningún voto do cambio se perda”, e para conseguilo “a alternativa é coller a papeleta do BNG”, destacou, subliñando que a posibilidade de facer historia cunha presidenta, “está máis cerca do que cremos, non nos arrepintamos o 19 de non ter feito todo o que estaba na nosa man, porque depende dunha présa de votos”.

A líder nacionalista incidiu en que cada vez máis xente “está xirando a mirada cara o Bloque farta das vellas receitas fracasadas dos de sempre. Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferentes”, apelou.

Pontón ironizou sobre o nerviosismo do PP, conscientes de que o cambio é imparable porque as “trolas” do candidato Rueda en forma de “tómbola” de anuncios,  “xa non colan”.

Encontro nacional aberto

“Nin con mentiras, nin con manipulación, nin con toda a propaganda do mundo van parar as ganas de cambio, porque agora hai unha cidadanía que dixo basta”, recalcou, poñendo como exemplo a reacción dos galegos e das galegas auto-organizándose ante a ocultación e a incompetencia do PP na xestión da marea plástica; a masiva manifestación en defensa do mar ou a que, augurou, enchera as rúas en defensa da sanidade pública o próximo domingo.

Pontón preséntase como a candidata desa maioría social que quere cambio e un futuro mellor. “A todas esas persoas quero dicirlles que son a súa candidata, non importa que papeleta colleron noutras eleccións, son a candidata de todas as persoas que queren cambio e que saben que a maneira de conseguilo é apostando todo ao BNG”.

A esa maioría social, Pontón comprometeu poñer en marcha “un país punteiro e vangardista”, para que dentro de catro anos, “todas as persoas, votasen o que votasen, sintan un tremendo orgullo da Galiza que estamos construíndo”. Haberá cambio, vaticinou, se o 18 de febreiro “apoia ao BNG” esa cidadanía que se mobiliza a favor da sanidade, da educación e do medio ambiente; a que defende unha Galiza da ciencia, feminista, diversa, con máis capacidade para decidir, na que a lingua floreza.

A toda esa cidadanía, Pontón pídelle que se mobilice, “que vote con ganas, con ilusión, convencidos e convencidas de que imos poñer en marcha o mellor goberno de todos os tempos”.

Un goberno que recupere a sanidade pública para que a saúde non dependa da tarxeta bancaria; que coloque a enerxía ao servizo das familias, da clase traballadora, das empresas;  que poña en marcha todo o potencial do País para que a xente moza non teña que facer as maletas; un goberno sen límites e sen corsés centralistas, capaz de pensar Galiza en grande.

Porque o que tamén deixou claro Pontón na súa intervención é que ninguén vai vir desde Madrid “a sacarnos as castañas do lume, non o fixeron nunca e non van facelo agora”, por tanto, poñer en marcha un País mellor vai depender “de nós e das nosas propias forzas”.

Neste sentido, fixo referencia á presenza de cargos estatais, “os líderes do PP e do PSOE viñeron máis veces a visitarnos neste último mes que no último ano”, un turismo electoral que converteu xaneiro en temporada alta, ironizou. Pero as eleccións do 18F non van de crispación, nin de liortas importadas, “van de como aportar solucións para o noso futuro colectivo, van de que nos fagamos valer e de avanzar”.

Para iso, convidou a facer historia para que, despois de 43 anos con seis presidentes todos homes e todos de forzas estatais, Galiza teña a primeira presidenta do BNG coas mans libres: “A min só me van dar ordes os galegos e as galegas porque sei moi ben quen son, para que estou aquí e a quen me debo”.

Débese, subliñou, a xente común, como a mocidade emigrada que lle reclama construír unha Galiza “á que volver”. Con esa maioría social quere a líder do BNG poñer en marcha un futuro mellor, “ao lado da xente, na rúa, cruzando as portas dos colexios, dos centros de saúde, das universidades, das fábricas, dos teatros ou das tendas dos nosos barrios”. As únicas que nunca cruzará nin Pontón nin ningún membro do goberno do BNG “son as portas xiratorias”, proclamou.

Aclamada como presidenta, a líder do Bloque concluíu destacando que quere facer historia como a primeira presidenta e do BNG, “pero non por min, senón por todas as persoas que defenden a sanidade, que loitan por un traballo decente, pola mocidade que quere chegar a fin de mes, polos maiores que reclaman unha vellez tranquila, pola xente que defende o noso mar, polos que resisten mantendo un rural en pé, polas que queren mil primaveras máis para a nosa lingua”.

“Xuntos, xuntas fagamos realidade o soño de tantas xeracións, o de gobernemos nós a nosa terra, témolo ao alcance da man porque o momento é agora”, proclamou, pechando unha masiva convención nacional que deixou pequena o Multiusos do Sar e obrigou a moitos das persoas asistentes a seguir o acto desde o exterior.

A masiva convención nacional abriuse coas intervencións dos e das cabezas de lista, Mercedes Queixas (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas ( Ourense) e Luís Bará (Pontevedra).

Cultura viva como motor de desenvolvemento

Queixas garantiu que a lingua e a cultura galegas serán “bandeira” nun goberno presidido por Ana Pontón.  “É agora o momento de empoderármonos na nosa lingua e na nosa cultura”, proclamou nunha defensa do idioma como “patrimonio colectivo” que os galegos e as galegas senten “sen complexos”. Queixas defendeu unha cultura “viva, dinámica, aberta e que dialogue en igualdade coas demais culturas do mundo”. Ese é, dixo, o compromiso do BNG cun sector que é tamén “motor de desenvolvemento económico e vertebración social”.

Gobernar para mellorar a vida da xente

Pola súa banda, Rodil fixo un chamamento a todas as galegas e galegas “que queren cambiar as cousas” para ir da man do BNG ás urnas e “facer historia” o vindeiro 18-F, como se fixo historia noutros momentos para acadar dereitos laborais ou avanzar na igualdade entre homes e mulleres. “Estamos nun momento que vai definir o noso futuro”, asegurou, subliñando a oportunidade que se lle presenta a Galiza cun goberno presidido por primeira vez na historia por unha muller. “Podemos gobernar Galiza e ímolo facer para mellorar as condicións das persoas que viven en traballan aquí”, incidiu, apelando ao voto de toda a xente que “está farta” das listas de espera da sanidade, da precariedade laboral ou dun transporte público que non funciona.

Proxecto de País colectivo

Noa Presas apuntou, pola súa parte, que Galiza está diante dun momento transcendental da súa historia e garantiu que o BNG estará á altura para sacar adiante un proxecto colectivo  “cos pes na terra pero coa mirada posta no ceo e no futuro deste País”. Presas recoñeceu que “o reto é enorme”, dende o rescate dos servizos públicos, ata un novo modelo enerxético que non espolie os nosos recursos ou o impulso económico do País,  pero no BNG  “temos o proxecto, temos as persoas e se algo somos é infatigables”, subliñou.

Grandes transformacións

“Os tempos son chegados”, augurou Luís Bará, quen se mostrou convencido de que que, así como Castelao foi o primeiro presidente do País hai 80 anos no Consello da Galiza, “o Goberno galego no exilio”, Pontón será a primeira presidenta muller da Xunta. Bará asegurou que o Bloque quere gobernar para acometer grandes transformacións e cambiar rumbo de Galiza facendo fronte á emerxencia ambiental, coidando os montes, as rías e o mar “como factorías de calidade de vida e futuro”. “Non imos permitir que unha empresa dende Madrid condicione o que se planta nos nosos montes, nin as portas xiratorias van decidir a política forestal nin o futuro da ría de Pontevedra, que queremos limpa, produtiva e sen Ence”, anunciou.