Ana Pontón: “Somos a esperanza deste País e imos facer historia cunha muller presidenta para construír unha Galiza mellor”
Pide unha mobilización masiva para que ningún voto do cambio se perda e apostar todo ao BNG votando con ilusión e con orgullo: “Non imos fallar”
“Non importa o que se votase noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galegx e todas son necesarias para poñer en marcha unha Galiza e grande”, alega
A candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, lanzou este venres unha mensaxe de esperanza a todas as persoas que queren cambio en Galiza, amosándose convencida de que “se toda a xente que quere deixar atrás quince anos de retroceso confía no BNG, o cambio vai ser imparable e faremos historia coa primeira presidenta coas mans libres para poñer por sempre os intereses dos galegos e as galegas, dende o diálogo pero tamén dende a firmeza”. “Non lles vou fallar!”, proclamou.
Pontón mantivo en Santiago un encontro con todas as candidatas e os candidatos do BNG a estas eleccións, encabezados por Mercedes Queixas na Coruña, Olalla Rodil en Lugo, Noa Presas en Ourense e Luís Bará en Pontevedra. Un encontro no último día da campaña “máis intensa, emocionante e esperanzadora” no que a candidata fixo unha chamada á mobilización masiva o domingo, “porque cada voto é determinante”, para que todas as persoas que queren construír unha Galiza mellor se unan na papeleta do Bloque.
“Non importa o que votasen noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo”, afirmou para subliñar que este é un momento decisivo no que toca apostalo todo polo BNG, a forza na que se está concentrando a onda do cambio que non parou de medrar ao longo da campaña até facerse imparable.
De aí a importancia de que ningún voto do cambio quede na casa nin se perda. “Xogámonos moito máis que un goberno, o que nos estamos xogando é un cambio de ciclo, un gran cambio” para deixar atrás quince anos dun goberno “que está facendo que Galiza perda”, en poboación, cuns servizos públicos peores, con menos industria e emprego, máis emigración, menos oportunidades para a mocidade ou menos peso no Estado.
Pontón apelou a todos os galegos e galegas a acudir a votar o domingo “con ilusión” e “convencemento” e especialmente “a todas as persoas que aínda dubidan” para que elixan a papeleta do BNG e poder así construír unha Galiza mellor para todos e todas.
“Pídolles unha oportunidade para demostrar que o podemos facer mellor e para demostrarlles que como presidenta vou traballar cada día por mellorar a súas” asegurou, comprometéndose a liderar o goberno que constrúa un País no que a xente moza poda desenvolver a súa vida, na que non haxa que esperar quince días para ir á médica ou médico de cabeceira e na que as persoas maiores desfruten dunha vellez tranquila nas súas casas. Unha Galiza produtiva na terra e no mar, con industria, que aposte pola ciencia e que se sume á loita contra o cambio climático, que sexa inclusiva, plural e feminista, engadiu.
A candidata nacionalista pediu tamén a confianza das persoas que aínda teñen dúbidas, ás que convidou a ser tamén protagonistas do cambio, posto que este domingo só hai dúas alternativas: “Ou un goberno cun presidente que se apelida Rueda, ou un goberno cunha presidenta que se apelida Pontón; ou seguir cun goberno do PP que nos deixa unha Galiza máis pequena ou dar paso a un goberno do BNG capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande”.
Pontón emprazou do mesmo xeito ás mulleres a ser motor do cambio xa que “despois de 43 anos nos Galiza tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais que non foron quen de situar o País no lugar que lle corresponde, “é o momento de facer historia cunha presidenta, para que comigo entren pola porta todas as mulleres, as que loitaron antes que nós, as que loitamos agora e as que o farán no futuro”.
A candidata á Presidencia agradeceu o apoio que percibiu durante toda a campaña na que dixo ver “a esperanza nos ollos de miles de persoas”, unha campaña que o BNG realizou en positivo, con ideas e propostas para mellorar a vida da xente, fronte a un PP sen proxecto que ofrecer, nin xestión que defender.
Subliñou, por outra banda, que a papeleta do BNG é na que están todas as causas xustas e a que representa a todas as persoas que saíron ás rúas para defender a sanidade pública ou o noso mar. A toda esa cidadanía, representada nos candidatos e candidatas que se deron cita neste último día de campaña en Compostela, Pontón animou a ser parte activa cun cambio que será histórico: “Este 18 de febreiro, saiamos con toda a forza a ganar unha Galiza mellor, a que queremos e merecemos!”, concluíu.