Ana Pontón: “A sociedade está hoxe pedíndolle á Xunta un cambio de políticas para darlle mil primaveras máis á nosa lingua”

Goretti Sanmartín, Ana Pontón e Marcos Maceira

A líder do BNG reclamou desde a manifestación convocada por Queremos Galego “máis medidas, máis orzamento e que se cumpra o PXNL”

Lembra a necesidade de retirar o decreto da vergoña e poñer en marcha un novo que permita que a escola sexa clave para o coñecemento do idioma

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu esta mañá á manifestación a favor da lingua convocada pola plataforma “Queremos Galego”. Desde a praza da Quintana, a líder do BNG declarou rodeada de miles de persoas que “hoxe estamos aquí para dicir que amamos a nosa lingua porque o galego é un ben que temos que preservar para o noso futuro”. “Esta é a lingua que herdamos dos nosos avós e avoas, dos nosos pais e nais, e tamén é a lingua que queremos que usen os nosos fillos, fillas, netos e netas”, engadiu.

Con respecto á resposta da convocatoria, á que asistiron representantes de máis de 200 entidades, indicou que “hoxe tamén é un día para denunciar que a lingua galega está nunha situación preocupante despois de 15 anos de políticas galegófobas do Partido Popular que están poñendo contra as cordas o futuro do noso idioma”.

Mobilización de Queremos Galego

Malia isto, Pontón amosouse optimista de cara ao futuro ao describir esta situación como “reversible”. A portavoz nacional ve “posible cambiar o rumbo cun cambio de política, comezando por suprimir ese decreto da vergoña que converteu o galego nunha lingua de segunda e que está facendo que os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego saian falando castelán”.

Nesta liña, reclamou que “o señor Rueda debe escoitar a preocupación que hai na sociedade galega ante a situación límite na que puxo o seu idioma, rectificar as súas políticas e ser capaces de mudas o futuro da lingua”. Ademais, quixo lembrar que “hai moitas persoas que, aínda que non o falen, tamén cren que o galego é unha parte da nosa identidade que non se pode perder”.

Aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística

Pontón resaltou que o BNG segue insistindo en que “polo ben do galego, a Xunta debe de retirar ese decreto da vergoña e poñer en marcha un novo decreto no ensino que permita que a escola cumpra a función de coñecemento do noso idioma”. Alertou tamén da necesidade de aplicar o gran acordo arredor da lingua que xa temos neste País “que é o Plan Xeral de Normalización Lingüística” e reclamou “máis recursos, máis medidas, e que os medios públicos do noso País cumpran a súa función”. Con respecto disto marcou dous puntos claros: o primeiro “a promoción do galego” e, como segundo, “uns medios plurais” porque “non podemos esquecer que os traballadores e traballadoras de CRTVG levan unha longa loita en defensa do papel que os medios públicos teñen que cumprir”.

Hoxe temos aquí a mostra da pluralidade e da diversidade da sociedade galega que lle está pedindo ao Partido Popular un cambio de políticas para abrir un tempo novo e darlle mil primaveras máis á nosa lingua”, concluíu.