Ana Pontón sobe á bicicleta en Ferrol para denunciar o abandono ferroviario da comarca
Compromiso do BNG para modernizar o ferrocarril e acabar coa discriminación do sector naval “sendo decisivos na política do Estado”
Indignante a desviación de carga de traballo de Navantia que só recibe de PP e PSOE “promesas en campaña electoral”
A portavoz nacional, Ana Pontón, optou por subirse a unha bicicleta na estación ferroviaria de Ferrol nun acto simbólico en defensa da modernización do tren en Ferrol, excluído do eixo atlántico ferroviario e cun traxecto entre Ferrol-A Coruña propio do século pasado, cando debería ser unha das principais opción de mobilidade entre ambas cidades.
Por iso, sobre bicicleta para denunciar que o Goberno do Estado mantén un tren decimonónico a velocidades que son facilmente superables por unha persoa en bicicleta. “Non é ningunha esaxeración. O tren que comunica estas dúas cidades ten tramos nos que circula a 20 quilómetros por hora, unha velocidade que calquera ciclista afeccionado pode superar con facilidade. Eu mesma podería coller a bicicleta e facer a viaxe en tren e aínda me daría tempo de tomar unha cervexa na estación”, declarou.
Entre Ferrol e Coruña hai unha distancia física de 69 quilómetros, pero o tren que comunica ambas urbes por unha vía inaugurade fai cen anos sen apenas modernizar, precisa até 145 minutos para chegar dunha cidade a outra. 80 minutos na mellor das opcións. “Nese tempo, o tren do eixo atlántico fai o traxecto de 180 quilómetros que separan Coruña de Vigo e poderíamos tamén facer o traxecto A Coruña-Santiago ida de volta de 150 quilómetros”, explicou Pontón.
Sen infraestruturas, sen oportunidades
“Evidencia o abandono do Estado das infraestruturas ferroviarias entre Ferrol e A Coruña e do disparate de non ter as mesmas infraestruturas e oportunidades. Cun tren rápido entre ambas cidades e cunha aposta pola modernización de FEVE, teríamos unha área de 600.000 habitantes comunicada. Xa está ben que o Estado nos trate como cidadáns de segunda”, salientou a portavoz nacional, nun acto no que tamén participou o portavoz municipal, Iván Rivas.
Pontón deixou claro o compromiso de que un BNG decisivo no Estado tras o 28A, “acabará co disparate de que sexa máis rápido ir en bicicleta entre Ferrol e A Coruña e viceversa que ir en tren, e sacaría adiante a modernización das infraestruturas desta comarca, -FEVE incluído-, que non pode seguir esquecida e maltratada”, concluíu.
Non é única discriminación do Estado con Ferrolterra, que tamén afecta ao sector naval despois de coñecerse que antes o Goberno do PP e agora o do PSOE desvían carga de traballo desde os estaleiros galegos de Navantia a Andalucía e que, en paralelo, o cronograma de construción da fragatas non permitirán cortar chapa ata dentro dun par de anos.
Ferrol non, Cádiz si
“Indignante ver como se está desviando carga de traballo para Cadiz e ver como, unha vez máis, as promesas electorais son iso, promesas que non se verifican. O naval necesita unha aposta de futuro e para que iso sexa posible os e as galegas temos que ser determinantes na política do Estado con escanos do BNG que vaian antepoñer a defensa do naval galego porque é a única forma de poder darlle a volta a unha situación na que chove sobre mollado porque levamos como se desmantela o naval galego, perdendo emprego nunha comarca especialista en construír barcos. Para iso precísase pese político da man do deputados e deputadas do Bloque que sempre van poñer por diante os intereses deste país”.