Ana Pontón: “O sistema patriarcal é a base que lexitima a violencia contra as mulleres”
Afirma que a manada non son cinco, “ hai unha manada na base do sistema patriarcal e non só no ámbito domestico, tamén no ámbito social e institucional”.
Demanda ao Goberno galego que destine 100 millóns de euros para loitar contra a violencia machista e incrementar as axudas ás mulleres vítimas de violencia de machista
No día Internacional contra a violencia machista na manifestación celebrada hoxe en Santiago de Compostela, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón lembrou que na última década foron asasinadas 45 mulleres en Galiza e a loita contra violencia de xénero debe ser “unha prioridade política durante todo o ano” polo que reclamou aumentar os recursos destinando 100M€, (1 de cada 100 do orzamento da Xunta), “cifra perfectamente asumible e necesaria para un problema tan grave”.
Ana Pontón afirmou que “O sistema patriarcal lexitima a violencia contra as mulleres “ e reiterou que a “manada non son cinco, hai unha manada na base do sistema patriarcal no ámbito doméstico, no social e institucional”.
A portavoz do BNG manifestou que cada semana son denunciadas tres violacións e reivindicou o “o dereito das mulleres a ser libres e vivir sen medo nin violencia todos os días do ano”. por iso , dende o BNG, remarcou, seguimos reclamando á Xunta de Galiza que incremente máis recursos contra a violencia machista.
Por outra parte, a nacionalista insistiu na necesidade de incrementar as axudas ás mulleres cando denuncian e avanzou que o BNG levará ao Parlamento galego unha proposta para aumentar as axudas, xa que no caso de ser unha vítima de violencia machista cuns ingresos de 810 euros, non teñen dereito á axuda. Con esta cantidade económica, dixo a nacionalista, resulta “moi difícil reemprender un proxecto de vida”.