Ana Pontón: “Seremos a voz que os ganderios e as gandeiras precisan no Estado a partir do 28A”
Propostas: Rendas dignas, aposta pola igualdade das mulleres no rural, facilitar a incorporación de xente moza e industria de transformación
Rego salienta as baixas pensións da poboación do rural e defende un incremento da pensión mínima até acadar o SMI
A portavoz nacional, Ana Pontón, e o candidato ao Congreso pola Coruña elixiron o concello de Mazaricos para explicar as propostas para o medio rural nu concello con “orgullo gandeiro”, -24.000 reses, o terceiro con máis vacas de toda Galiza-, e no que o BNG está desenvolvendo unha intensa política de apoio ao sector agrogandeiro desde o goberno local.
Un apoio ao rural que o BNG quere trasladar tamén ao Congreso a partir do 28A, “unha oportunidade para que os gandeiros e as gandeiras deste país teñan unha voz que defenda os seus intereses en Madrid porque alí se toman moitas das decisións en política agraria que lles afectan directamente”, indicou Pontón tras visitar unha explotación en Mazaricos dirixida por xente nova.
Por iso, un Bloque decisivo na política estatal vai usar os votos a favor das persoas que traballan no agro, “para que o sector produtor teña unha forza que o defenda, porque somos unha potencia agroganderia pero precisamos poder político para que os nosos produtores lácteos non reciban o prezo máis baixo do leite, peso político para desenvolver unha industria de transformación e para facilitar unha renovación xeracional das explotacións agrarias”.
Pontón fixo fincapé na importancia de facilitar a renovación xeracional e acabar coa discriminación da muller no agro. No primeiro caso, con fondos suficientes e unha fiscalidade que non penalice á xente moza que recibe axudas públicas para incorporarse ao rural. E na segunda cuestión, medidas a favor da igualdade das traballadoras no agro en particular no relacionado cos ingresos e coa dificultade de acceso á copropiedade das explotacións.
“Os escanos que nos dean o 28A van servir para acabar coa discriminación da muller no medio rural e acabar coas barreiras de tipo legal que seguen existindo”, recalcou.
O candidato pola Coruña, Nestor Rego, lembrou que desde a entrada na UE Galiza perdeu 90.000 explotacións agrarias e avanzou que o BNG “proporá no Congreso un plan estratéxico para o sector agrario para a produción de carne e leite”, así como medidas para mellorar as pensión mínimas, especialmente baixas entre os traballadores e as traballadoras do agro e nos concellos do rural cunha poboación moi envellecida.
“A nosa proposta é subir as pensións na mesma contía que o SMI de xeito progresivo até igualar ambos ao 60% do salario medio do Estado. Non é xusto que persoas que traballaron no rural 40 ou 50 anos agora cobren unha pensión mínima”, salientou Rego.