Ana Pontón: "Esta será a lexislatura do tren e da rexeneración da Ría de Ferrol"
- A portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón reivindicou hoxe en Ferrol a transferencia da liña galega do FEVE
Dentro das visitas que a portavoz do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón está a realizar a diferentes provincias co fin de presentar aos novos e novas deputadas, hoxe en Ferrol, acompañada do deputado, Xosé Luís Rivas (Mini) e cargos institucionais da comarca afirmou que “esta será a lexislatura do tren”. Neste sentido, a nacionalista asegurou que unha das primeiras iniciativas do novo grupo parlamentario será pedir a transferencia da liña de tren galega Feve e a rexeneración da ría.
Para a deputada, “Ferrol é unha cidade parada no tempo” polas infraestruturas ferroviarias. “Temos por unha banda a comunicación coa Coruña cunha vía de hai cen anos, a mesma velocidade media e cunhas conexións que responden á intención do Estado de inviabilizar o ferrocarril para Ferrolterra”. Dende o BNG apostamos polas “transferencias a Galiza para desenvolver un servizo de cercanías a través dunha compañía ferroviaria propia, coa transferencia da vía Coruña-Ferrol e a transferencia do FEVE cun funcionamento igual que noutras partes”. O Estado, coa conivencia da Xunta quere desmantelar o FEVE e nós queremos para os veciños e veciñas de Ferrol un servizo de cercanías cun servizo de tren de proximidade básico para o desenvolvemento desta zona e ofrecendo alternativas de transporte máis ecolóxicas.
O BNG pedirá no Parlamento un Plan integral de rexeneración da ría
Ante os medios de comunicación, a portavoz parlamentaria asegurou que a comarca de Ferrol precisa “dun cambio e dun impulso político importante”. A beira da ría de Ferrol, Pontón lembrou que é un símbolo de riqueza onde poderían ser creados postos de traballo se no seu momento houbera unha “aposta real pola súa rexeneración” polo que avanzou que esa será unha das primeiras iniciativas que rexistrará o BNG no Parlamento galego.
Despois de vinte anos e cunha depuradora que non funciona, explicou a nacionalista, “os veciños e veciñas de Ferrol e Narón deberán pagar un canon que non se paga en ningunha outra parte do Estado”. Resulta escandaloso que vinte anos despois da declaración de saneamento da ría de Ferrol, hoxe teñamos que seguir reivindicando “un plan integral para a rexeneración da ría” para que sexa recuperada a actividade marisqueira e a boa calidade das augas.