Ana Pontón: “Santiago vai facer historia con Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa desta cidade”
Pediu á cidadanía que xa votou BNG nas eleccións galegas que colla de novo a papeleta do Bloque para abrir un tempo novo de ilusión e futuro
Sanmartín: “Desenvolveremos unha acción de goberno para construír un Santiago de Compostela en grande”
A portavoz nacional, Ana Pontón, arroupou á candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, cunha intervención que arrancou expresando o seu convencemento de que o 28M Santiago vai facer historia elixindo como alcaldesa á candidata do BNG, unha muller preparada para colocar á capital de Galiza no lugar que lle corresponde.
“Non teñades ningunha dúbida, Goretti será a alcaldesa que vai abrir un tempo novo nesta cidade, de ilusión, de esperanza, a muller capaz de construír un Santiago en grande”, proclamou. “E para conseguilo temos que sumar na candidatura do BNG todo o voto rebelde e inconformista; que quere cambio real, o voto de todas as persoas que queredes máis para Santiago: máis verde, máis cultura, máis feminismo, máis inclusión, máis dinamismo, máis oportunidades”, alegou.
Pontón apelou tamén ao voto rebelde da mocidade, “que queredes un Santiago máis voso, no que poder vivir e facer realidade os seus soños” e á cidadanía que quere cambio a que instou a encher as urnas coas papeletas do BNG. A portavoz nacional tamén fixo unha apelación á cidadanía que xa optou polo Bloque nas pasadas eleccións galegas.
“Quero pedirvos que volvades votar BNG, que repitades esa confianza porque hoxe a papeleta que representa a alternativa ao PP é a papeleta do BNG”, recalcou, tras recordar que o goberno do PP foi letal para Compostela e só trouxo desastre e desprestixio. “O PP promete moito en Santiago, pero todas recordamos os feitos e todas sabemos que o Goberno do PP leva anos discriminando a esta cidade”, indicou.
Pontón destacou a experiencia política e de xestión e Sanmartin, a súa capacidade de traballo e de liderado para aplicar o proxecto estratéxico que ten para a cidade, man a man cun equipo “excepcional”. O obxectivo é lograr que Compostela recupere o pulso, cun proxecto para dinamizar a cidade no económico, no social e no cultural, con benestar social ou que poña en marcha un Santiago mais sustentable.
Un proxecto para facer de Compostela unha cidade de vangarda, da ciencia e do coñecemento, para que avance en igualdade, en feminismo, en inclusión e tolerancia, e todo iso, “baixo unha nova maneira de liderar, desde o diálogo, desde a empatía, desde a capacidade de negociar e de chegar a acordos, así é a próxima alcaldesa de Santiago”, proclamou.
“Goretti vai conseguir que Santiago recupere o lugar que lle corresponde, vai facer desta cidade un referente, cun proxecto transformador que bebe do modelo municipal de éxito do BNG”, indicou. Para conseguilo, reiterou, hai que mobilizar e sumar no BNG a todos os composteláns e compostelás que queren abrir un tempo novo na cidade.
Pola súa parte, a candidata destacou que o seu obxectivo é transformar Santiago porque o BNG “ten un proxecto ambicioso para poñer en marcha un Santiago en grande”. “Se o BNG recibe os mesmos votos que nas pasadas eleccións galegas, estamos en clara disposición de contar coa Alcaldía e de facer historia”, sinalou a candidata.
Na súa intervención apelou a votar BNG “para construír un pacto polo futuro, para unir forzas contra a inercia e contra a decepción”, ao tempo que pediu o apoio “de todas as persoas que queren Santiago, que consideran que é necesario mudar o rumbo desta cidade, que apostan por unha acción política pensada nas persoas”, indicou. Así, comprometeuse a iniciar un tempo de reconstrución cos sectores económicos, cos colectivos sociais, coas persoas que queren o mellor para o concello.
“No BNG témolo claro, Compostela ten que dar un xiro e ir a máis”, engadiu. Santiago merece máis, merece recuperar o orgullo como capital de país, situarse na vangarda, construír un futuro diferente, que se converta en referencia de políticas novas, dun concello sustentábel, igualitario, xusto e con posibilidades, explicou. “Santiago precisa dun goberno que coide da súa xente e eu non podería vivir tranquila se non intentase conseguilo con todas as forzas”, indicou.
Santiago merece máis
“Quero esta cidade e quero traballar con honestidade para que deixe atrás o esmorecemento, para que colla forzas e proxecte un futuro mellor para toda a veciñanza”, afirmou Sanmartín. Recalcou a súa aposta por un concello igualitario onde as persoas que viven no rural teñan os mesmos dereitos e servizos, conservando a súa identidade, “porque Compostela vive máis alá do Obradoiro e as súas aldeas forman parte importante deste concello único”.
Asegurou que traballará para reducir a fenda de xénero e con políticas feministas que atravesen toda a acción do goberno, e tamén para que Compostela se sitúe á vangarda na creación de emprego. “Un concello con calidade de vida conducirá tamén a ter un turismo de calidade”, explicou.
Santiago é unha cidade de referencia para millóns de persoas no mundo, a capital e Galiza e unha das capitais culturais e patrimoniais europeas, “unha cidade así necesita un goberno ambicioso e con ideas claras, que a posicione a nivel internacional desde a cultura, a calidade de vida e a resposta aos retos do presente, como vai facer o BNG a partir do 28M”, concluíu.