Ana Pontón: “Se Sánchez quere ter o voto do BNG ten que haber unha solución para ALCOA”
Rego insiste: “é un dos temas que temos colocados na mesa de negociación co PSOE de cara á investidura”
Reunión co comité de empresa da factoría de San Cibrao e compromiso do BNG en usar a súa forza en todas as institucións para buscar unha solución
A portavoz nacional, Ana Pontón, e o deputado no Congreso, Nestor Rego, mantiveron un encontro co comité de empresa de ALCOA-San Cibrao ao que transmitiron que garantir o futuro desta planta forma parte da axenda de prioridades que o BNG ten sobre a mesa nas negociacións co PSOE de cara á investidura de Pedro Sánchez.
“A solución depende de que haxa vontade política e está claro que si Sánchez quere ser presidente, si Sánchez quere obter o voto do BNG ten que haber unha solución para ALCOA e para as industrias electrointensivas do país, porque depende unicamente de que haxa vontade política, vontade política para aprobar o estatuto para este sector, vontade política para que Galiza se beneficie da súa riqueza electrica, vontade política para sentarse a falar das medidas de futuro para ALCOA”, proclamou Pontón tras a reunión.
“Trasladamos ao comité que a necesidade de aprobar un estatuto das electrointensivas que dea competitividade ás empresas é fundamental para o BNG e, polo tanto, é un dos temas que temos colocado na mesa de negociación co PSOE de cara á investidura e pensamos que se debe resolver de inmediato”, insistiu Rego.
A líder nacionalista criticou “a falta de respostas” por parte do Executivo de Sánchez, “que prometeu un estatuto que aínda non existe e por riba pon paus nas rodas cunha poxa eléctrica que supón máis leña ao lume”. Lembrou ademais que a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, nunha visita á planta de San Cibrao prometeu unha mesa de seguimento da que nada sabe meses despois.
Falta de respostas do Goberno central pero tamén por parte do Goberno do PP na Xunta “incapaz de liderar unha solución á grave crise do sector”. Como proba, “aí está a foto de onte de Feixóo que vai a Madrid e volve coas mans baleiras sen solución algunha”, salientou Pontón, quen tildou de “incomprensible e indefendible” que poda haber miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos nunha Galiza que produce electricidade a esgalla.
Pontón considera fundamental seguir mantendo a presión política e social. “Imos seguir reivindicando solucións tanto desde o Congreso, como desde o Parlamento de Galiza e desde Bruxelas, porque é moito o que está en xogo e hai que dar solucións á crise industrial do país”, recalcou, pero tamén é “clave” a mobilización social, “e quero trasladar o total apoio do BNG á manifestación convocada polos traballadores e traballadoras este sábado en Lugo: é importante que o goberno central e galego escoiten que hai toda unha comarca en pé polo futuro de ALCOA”, concluíu.
Tarifa eléctrica galega
Rego, pola súa parte, puxo énfase na falta de compromiso do Executivo de Sánchez. “Non nos vale que se escude na interinidade para evitar dar a coñecer o estatuto para as electrointensivas e por iso imos continuar traballando na mesma dirección porque o que nos preocupa é que, en lugar de solucionar o problema, se agrave. A prioridade ten que ser manter a actividade economía e os postos de traballo porque é determinante para a comarca da Mariña e para o conxunto do país”, argumentou.
O deputado ratificou ante o comité o total apoio do Bloque “porque non ten explicación que nun país produtor de electricidade teña empresas que perden competitividade polos custes enerxéticos poñendo en risco milleiros de postos de traballo. É perfectamente posible unha solución a través dunha tarifa eléctrica galega que traslade ao sector produtivo os beneficios da riqueza eléctrica do país e, de xeito inmediato, a posta en marcha do estatuto”, concluíu, tras un encontro no que tamén participou a deputada por Lugo, Olalla Rodil, a alcaldesa de Barreiro, Ana Hermida, así como responsables comarcais do BNG.