Ana Pontón: “Saímos a por todas para facer valer Galiza no Estado”
Carme da Silva, cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, indicou que “canta máis forza teña o BNG, máis gañarán as maiorías sociais”
Fronte ás forzas políticas centralistas do Estado, o Bloque presenta unha candidatura de país que non ten os seus centros de decisión en Madrid
A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu hoxe á presentación das candidaturas do BNG para o Congreso dos Deputados e o Senado pola provincia de Pontevedra.
“Este 23 de xullo está en xogo que Pontevedra e que Galiza conten ante o Estado, está en xogo ter unha voz propia que defenda os intereses desta provincia, e está en xogo que se poña sobre a mesa o que precisa Pontevedra para ter un futuro mellor” declarou a líder nacionalista.
Para conseguilo, Pontón declarou que “a alternativa ao de sempre é o BNG: unha garantía para que Galiza conte, de avanzar en dereitos e liberdades e de poñerlle freo á dereita conservadora que só nos faría retroceder”.
“Fronte a un PP e un PSOE, que fan o que lles mandan Génova e Ferraz, o BNG vai poñer Galiza na axenda do Estado coa forza que nos dean os galegos e as galegas”, subliñou. Por iso, indicou a necesidade de “contar cun grupo galego forte no Congreso para poder ser determinantes e ter a capacidade de loitar polos nosos intereses” e recalcou que “o BNG sae a por todas, sen límites e co obxectivo claro de ter un grupo galego forte en Madrid”.
A portavoz nacional lembrou que “na última lexislatura, un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 23 restantes ao servizo das forzas estatais”, motivo polo que “o Bloque presenta para este 23X unha candidatura de país, que non ten os seus centros de decisión en Madrid e que representa a Galiza”. “Non imos aceptar o que nos impoñan dende Madrid. Queremos que Galiza sexa protagonista e que teña voz no Estado”, engadiu.
Pontón manifestou que o BNG conta para este 23X “cunha candidatura formada por persoas con compromiso, con capacidade de traballo, con experiencia, con coñecemento e solvencia nos temas que son centrais para a defensa dos intereses galegos”.
Carme da Silva, cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra
“En Pontevedra Carme da Silva é a persoa que encabeza unha candidatura sólida, comprometida e capaz, con enerxía e cunha única lealdade: a da defensa dos intereses da cidadanía de Pontevedra” resaltou Pontón, á que cualificou como “unha persoa que é unha garantía de traballo, de solidez e de capacidade política ademais dunha feminista e loitadora da igualdade real das mulleres”. Membro da Executiva nacional, Carme da Silva coñece de primeira man algúns dos grandes retos de País: a emerxencia climática, a sustentabilidade ambiental ou as políticas urbanas de mobilidade.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores destacou que “non hai mellor persoa posible” para defender Galiza e Pontevedra en Madrid que Da Silva pola súa “seriedade, rigorosidade e coñecemento da administración. Será unha voz alta e clara á que escoitar”.
O número dous da candidatura, Brais Ruanova, é o responsable de organización en Vigo, a primeira cidade do País. Trátase dunha persoa nova que representa “todo o empuxe, entusiasmo e talento da mocidade galega comprometida, que quere facer de Galiza un lugar no que vivir, no que traballar e no que poder facer realidade os seus soños e os seus proxectos de vida”, declarou a portavoz nacional.
Máis BNG é sinónimo de máis voz para Pontevedra e para Galiza
A candidata do BNG ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, subliñou que o BNG ten un inmenso reto por diante, acadar un grupo galego forte que atenda as necesidades do país “tan esquecidas polos partidos centralistas”. “Canta máis forza teñamos, máis gañará Pontevedra e máis gañará Galiza. Canta máis forza teñamos, máis gañarán as maiorías sociais no noso País”, dixo.
Da Silva destacou que hai catro anos unha das primeiras medidas que o BNG puxo na axenda foi unha AP-9 galega e sen peaxes e salientou que grazas ao único deputado nacionalista galego en Madrid “hoxe milleiros de galegas e galegos benefícianse dun desconto do 50%. Un grupo determinante do BNG no Congreso conseguirá a paralizada transferencia da AP-9 paralizada, que sexa galega e sen peaxe”.
Lembrou tamén que, entre outras moitas cuestións, é precisa capacidade de decisión en Madrid para ter un transporte ferroviario de proximidade, para rexenerar as rías e espazos de litoral, para acadar a circunvalación de Pontevedra e para unha transición enerxética xusta.
Para acadar todo isto, asegurou que encabeza unha candidatura “ilusionada, solvente, con enerxía, que representa a pluralidade e diversidade da sociedade galega. Persoas comprometidas coa defensa da sanidade e do ensino, que traballan na investigación máis punteira, traballadoras do mar, da industria… persoas con experiencia de goberno”.
O 23X: o momento de facer historia cunha Galiza que conte
Pontón convocou á cidadanía galega a que o 23X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón en Galiza, sumando todo o voto galego, de país, no BNG” para que, en consecuencia “poidamos frear en seco un posible goberno da dereita coa extrema dereita machista, e antigalega”.
Destacou tamén que o Bloque está “preparado” para volver facer historia o 23X, cun BNG á alza que non deixa de sumar apoios. “Saímos a por todas, coas pilas cargadas e co ánimo que nos dá ver que, en cada proceso electoral, o BNG é a forza política referente para a xente que quere unha Galiza mellor”, concluíu, convencida de que “o 23X, o Bloque terá un resultado que se traduza en máis esperanza e ilusión para os galegos e as galegas”.