Ana Pontón retrata con 23 titulares a un Feixoo que busca culpábeis no canto de solucións aos problemas
Reprocha que non teña alternativas para ALCOA, a crise industrial, os baixos prezos dos produtos agrarios ou para a emigración de xente moza“
Deixe de hiperventilar co BNG e póñase a gobernar”, ironiza, tras advertir que as “campañas obsesivas” do PP non van impedir o avance do Bloque
“A iso se reduce a súa acción de goberno, a buscar culpables porque é incapaz de dar solucións e, por iso, estende o seu dedo acusador e culpa á cidadanía, á mocidade, ás empresas, á crise, a Portugal, a Catalunya, ao BNG e, como agora non goberna o PP, tamén ten Moncloa de comodín”, denunciou na sesión de control. “A súa é unha maneira inútil de afrontar os problemas do País”, sentenciou.
“Onde está a súa solución para ALCOA, onde as súas propostas para os produtores ante os baixos prezos, onde están as axudas ou para cando una mesa na que sente aos gandeiros, a industria e as grandes superficies; onde están os seus plans para darlle futuro á mocidade, para reforzar a sanidade pública ou cando vai deixar de vetar unha tarifa eléctrica galega en lugar de seguir abrazado ao lobby eléctrico”, foron algúns dos asuntos que Pontón puxo sobre a mesa para demostrar a falta de alternativas do xefe do Executivo. “O único que lidera son as críticas”, sentenciou.
E máis, a líder nacionalista ironizou sobre a “obsesión” do presidente do PP co Bloque, advertíndolle que por moitas campañas que lance non vai impedir o avance do BNG. “Deixe de hiperventilar co BNG e póñase a gobernar”, demandou a portavoz nacional, tras reclamarlle a Feixóo que se tome Galiza en serio, e iso pasar por gobernar “en lugar de vir ao Parlamento a difamar ao BNG e a súa portavoz”.
A líder nacionalista tamén lle reprochou a Feixóo que pretenda presumir dun balance que é nefasto para Galiza. “Campión de que?, interpelou, 14.000 empregos perdidos na industria, case 17.000 no sector agrario, 200.000 mozos e mozas que tiveron que coller as maletas e di que todo vai ben. Deixe de pisar moqueta e pise a realidade dos galegos e das galegas que están pasando por un momento moi complicado”, concluíu.