Ana Pontón reta a Feixóo a poñerse do lado de Galiza ante a estafa das eléctricas e apoiar as medidas do BNG para abaratar a luz
Pídelle que apoie a proposición non de lei nacionalista que se debate neste pleno parlamentario para que o país se beneficie de ser produtor enerxético
Propón unha tarifa eléctrica galega como existe noutras zonas produtoras da nosa contorna como Alemaña, Reino Unido, Suíza ou Noruega
“Hai que preguntarse cal é a calidade desta democracia cando sobre un ben de primeira necesidade como a luz decide o lobby eléctrico”, cuestiona
A portavoz nacional, Ana Pontón, retou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, a poñerse do lado dos galegos e as galegas fronte á “estafa” das eléctricas e apoiar a proposición de lei que defenderá o BNG neste pleno parlamentario “para que a riqueza eléctrica do país reverta no desenvolvemento económico de Galiza”.
Pontón avanzou que esta proposición de lei ten como elemento esencial “algo tan básico” como que a riqueza eléctrica beneficie aos galegos e galegas con dous obxectivos principais: reducir o prezo da luz, “porque -recalcou- é un ben básico de primeira necesidade” e compensar o papel produtor de Galiza. “Non pode ser que asumamos os custes sociais e ambientais e o que nos veña de volta sexa unha factura da luz que é unha estafa”, incidiu.
Neste sentido, a portavoz nacional afondou nalgunhas das propostas que recolle a proposta lexislativa do BNG e entre as que se inclúe “acabar cos denominados beneficios caidos do ceo” xa que, segundo subliñou, estamos ante “un timo” dunhas poxas polas que toda a electricidade que entra no mix se paga ao prezo máis caro. “É como se vou á peixería e merco xarda, xurelo e percebe e pago todo a prezo de percebe”, exemplificou.
De igual xeito, tamén propón a redución dos impostos que pagamos na factura dado que “temos unha carga impositiva moi elevada e hai custes que teñen que ir aos OXE, como a moratoria nuclear ou os custes extrapeninsulares”, salientou Pontón, quen a continuación defendeu de novo a necesidade dunha tarifa eléctrica galega, tamén recollida nesta proposición de lei.
“Trátase de baixar as peaxes da factura nas zonas produtoras”, indicou para engadir que é “unha cuestión de xustiza e de sentido común” e algo que xa acontece en moitos países da nosa contorna como Alemaña, Reino Unido, Suíza ou Noruega. Así mesmo, avanzou que a proposta de lei nacionalista tamén inclúe unha tarifa industrial “estable e competitiva”, o que permitiría “ofrecer unha solución ás electrointensivas, cun prezo estable e competitivo, pero con obriga de plans industriais”.
Pontón enmarcou esta proposición de lei nun contexto no que a escalada do prezo da electricidade alcanza “récords diarios” e está inmersa “nunha punta ascendente que pon os pelos como escarpias”. “Fai exactamente un ano o prezo do MWh eléctrico era de 35 euros/Mega; hoxe está en 154 e subindo”, advertiu para a continuación censurar que isto supón “beneficios multimillonarios para o lobby eléctrico e facturas ruinosas para as familias e as pemes”.
Segundo remarcou, Galiza sofre ademais o “agravante” de ser un país rico en electricidade que paga os custes ambientais e sociais, polo que reprobou que “o que recibimos a cambio é unha estafa que afecta a miles de familias e que pon en risco miles de postos de traballo”.
“Cando sobre un ben público de primeira necesidade, como é a luz, decide o lobby eléctrico, a través das portas xiratorias de PP e PSOE, temos que preguntarnos cal é a calidade desta democracia”, reflexionou, para a continuación censurar o papel da Xunta. “E cabe preguntarse para quen traballa o señor Feixóo cando a resposta a esta estafa é unha multa ridícula de 25.000 euros ás eléctricas que, ademais de estafarnos, atentan contra o noso medio ambiente”, criticou en referencia ao baleirado dos encoros que, segundo concluíu, lles permite “seguir forrándose”.