Ana Pontón responsabiliza a Feixóo da emigración de 200.000 mozos e mozas nunha Galiza cunha crise demográfica brutal
“Preside un goberno separatista, porque separa fillos e fillas dos seus pais e nais, ás netas dos seus avós e a mozas e mozos das súas amizades”, denuncia
Mentres fai odas á natalidade, temos a taxa de nacementos máis baixa en 60 anos, “porque os bebes nacen en Barcelona, Berlín ou Londres”, alega
En plena sexta onda, pídelle que reforce dunha vez a atención primaria e o sistema de rastrexo, en lugar de derivar a responsabilidade á cidadanía
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveito a última sesión de control do ano para abordar o problema da emigración da mocidade, nunha Galiza que soporta unha enorme crise demográfica agravada pola marcha de 347.825 galegos e galegas desde 2009, o 38% con menos de 29 anos, “unha auténtica desfeita demográfica”, sintetizou a líder do BNG.
“Como se sente presidindo un Goberno que lle di ós mozos e ás mozas que deben conformarse con menos oportunidades cos seus país e nais? Dorme ben sabendo que é o responsable dunha xigantesca onda migratoria da mocidade?”, interpelou Pontón ao xefe do Executivo, para a continuación detallar esa realidade cos datos.
A taxa de paro xuvenil é do 21,8%, segundo a última EPA, fronte ao 5,8% de Alemaña; a afiliación a Seguridade Social entre os menores de 29 anos caeu un 37%, só un 38% da mocidade ten traballo, o 64,7% cun contrato temporal e cun salario até un 64% máis baixo que a media de Galiza.
“Señor Feixóo, permítame que lle diga: Preside vostede un goberno separatista. Separatista, porque separa a fillos de pais e nais, porque separa a netas das súas avoas e avós, porque separa mozos e mozas dos seus amigos e amigas”, argumentou a líder nacionalista, “e vexo que ós deputados e ás deputadas do PP a emigración provócalles risa, pero penso que ós avós e avoas que coñeceron ás súas netas a través dunha pantalla non lles da a risa”, recriminou, “son un goberno separatista porque separaron a 200.000 mozos e mozas de Galiza e ese é o separatismo que lle preocupa ós galegos e galegas”.
Pontón subliñou que cada vez hai menos poboación e está máis envellecida, “entre outras razóns porque as súas políticas expulsan á mocidade, de tal xeito que hoxe miles desenvolven os seus proxectos fóra, forman familias fóra, e teñen fillos e fillas fóra”, e todo iso, ironizou, mentres o presidente da Xunta fai “odas” á natalidade.
“Pero sabe cal é o problema? Que cada ano nacen menos nenos e nenas porque milleiros de mozos e mozas non puideron elixir Galiza e seus bebes nacen fóra, en Madrid, Barcelona, Londres ou Berlín”, denunciou.
De feito, ao longo da última década, a natalidade caeu anos tras ano. En 2009 naceron 22,537 persoas e en 2020, 15.212 e hoxe Galiza ten a cifra de nacementos máis baixa dos últimos 60 anos. “A precariedade, o paro e a emigración son un problema para a mocidade, pero tamén é un auténtico problema de País porque sen a vitalidade das novas xeracións, Galiza non terá futuro”, recalcou.
A líder do Bloque recriminou a Feixóo o seu “negacionismo” da emigración e cualificou de “bochornoso” que o presidente da Xunta utilice a marcha de milleiros de mozos e mozas para presumir de datos de desemprego, como se a menor taxa de paro a respecto da media estatal non se debese a sangría migratoria da xente nova.
Por iso, entre as propostas, Pontón defendeu financiar con fondos Next Generation un plan de emprego xuvenil, a creación do INNOGAL para recuperar o talento investigador ou políticas públicas de vivenda que faciliten a emancipación da xente nova.
Unha mocidade que está sufrindo a crise derivada da pandemia, indicou Pontón, tras referirse á sexta onda e a petición de que da reunión de Presidentes saían medidas en lugar de limitarse a derivar a responsabilidade á cidadanía. “E no seu caso concreto, señor Feixóo, reforce dunha vez a sanidade pública dotando de máis medios á atención primaria e ó sistema de rastrexo”, concluíu.