Ana Pontón responsabiliza ao PP do “pucheirazo democrático” perpetrado polo Tribunal Constitucional
Denuncia que o PP e o propio Feijóo usan de xeito sistemático o mesmo mecanismo para modificar leis que agora cualifican de ilegal no Estado
Pide non caer na provocación e na crispación que intenta impoñer o PP e defender a democracia “con máis democracia”
Destaca que Galiza ten un presidente que non foi votado nas urnas para ocupar esa responsabilidade
A portavoz nacional, Ana Pontón, arrancou a súa intervención no Parlamento, con motivo do debate de orzamentos, facendo unha defensa da democracia despois de que o Tribunal Constitucional impedise onte mesmo un debate no Senado, “un día negro para todos e todas as demócratas”, declarou, ante o que cualificou de “pucheirazo democrático”.
“Onte o tribunal constitucional decidiu impedir un debate no Senado, non é primeira vez que pasa pero debe ser a última, porque esta decisión é un ataque á liña de flotación da democracia, un pucheirazo democrático, cuestionando a independencia do poder lexislativo que é onde reside a vontade popular”, argumentou.
Un TC que “agudiza a súa deriva reaccionaria” e do que, recalcou, non é un órgano xudicial senón político, “que o bipartidismo se reparte de maneira obscena e que está nun nivel de degradación democrática que non é admisible”. A decisión do Constitucional, indicou, “é unha decisión política ao servizo dos intereses partidistas do Partido Popular, máximo responsable deste pucheirazo democrático”, subliñou, un PP que ten cruzado “todas ás liñas vermellas dun funcionamento democrático”.
E ante ese ataque á democracia, Pontón destacou que hai que “responder sen caer na provocación nin na crispación que o PP quere impoñer, responder con toda a contundencia defendendo a democracia con máis democracia”, recalcou.
A líder do Bloque denunciou a “hipocrisía política” do Partido Popular, “que leva anos facendo neste Parlamento o que agora cualifican de ilegal e anticonstitucional”, “porque ese mecanismo foi o que utilizou o señor Feijóo, durante doce anos para facer máis de 200 modificacións lexislativas pola porta de atrás, modificacións que absolutamente nada tiñan que ver coas contas públicas pero que se modificaban a través da lei de acompañamento dos orzamentos. Un mecanismo que utilizan ao seu antollo saltándose os informes xurídicos, informes dos órganos consultivos e saltándose o debate no Parlamento”, explicou Pontón.
En definitiva, “o señor Feijóo e o PP utilizaron e utilizan nesta Cámara de xeito sistemático un mecanismo que agora din que é ilegal, así é como entende o PP a democracia”, recalcou.
A portavoz do Bloque tamén fixo unha referencia ás presas do PP para convocar eleccións anticipadas no Estado alegando que non hai que terlle medo as urnas, subliñando que en Galiza “temos un presidente designado a dedo, ao que ninguén votou para ser presidente de Galiza. Non sei señorías do PP, se era por medo ás urnas”, concluíu.