Ana pontón replica a Casado que a única “morriña” que senten as galegas e galegos é por ter voz propia en Madrid
Miles de empregos en xogo en ALCOA pero Casado só fixo unha oferta de traballo como ministro a Feixóo en pago a súa submisión ao PP, ironizou
Pide a Feixóo que explique porqué o goberno de Euskadi conseguiu unha rebaixa de 23 € Mw para as electrointensivas e Galiza nada pese ser potencia enerxética
O BNG vai presentar alegacións ao Estatuto de consumidores electrointensivos porque considerar que o borrador presentado polo Goberno do Estado non acaba coa discriminación a Galiza, con miles de empregos directos e indirectos na picota polos custes enerxéticos pese a ser este un país produtor neto de electricidade.
Así o anunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, na visita a planta de ALCOA en San Cibrao onde miles de familias “teñen o corazón nun puño” ao igual que na Coruña e noutras empresas electrointensivas, mentres o presidente da Xunta está “en modo precampaña instalado no canto peor mellor para o PP” actuando de “palmeiro” nos mitins do candidato popular Pablo Casado.
“Casado non tivo nin unha soa proposta para garantir o emprego en Alcoa, a única proposta en emprego que fixo foi ofrecerlle un posto de ministro a Feixóo supoño que para pagarlle a súa submisión de ter posto os intereses do PP sempre por diante dos intereses de Galiza, pero nin unha soa solución para os miles de empregos que, directa ou indirectamente, están en xogo en ALCOA”, salientou Pontón.
A líder do Bloque non deixou pasar a bucólica referencia de Casado á morriña galega.
“Que non veñan falarnos de sentidiño e morriña. Os galegos e as galegas non temos ningún tipo de morriña polos gobernos do PP que puxeron en marcha un modelo enerxético que está fracasando en ALCOA, do que é tan responsable como agora o PSOE, non temos morriña de quen traizoa os nosos intereses e é incapaz de dar a cara para defendelos”, argumentou, “pero creo que si teñen morriña de que exista unha voz propia que nos defenda en Madrid”.
Compromiso ante a cidadanía
Por iso, avanzou, o BNG asume un compromiso ante a cidadanía de cara ás eleccións do 28 de Abril: “Un ou catro deputados e deputadas do Bloque van condicionar o goberno do Estado para que haxa unha solución ao emprego en ALCOA e para que teñamos unha tarifa eléctrica propia que nos faga mirar con optimismo o futuro”, indicou.
Na reunión co cadro de persoal desta factoría en San Cribrao, a dirixente nacionalista explicou que o Bloque vai presentar alegacións ao borrador de Estatuto para consumidores electrointensivos, e pediu ao presidente galego que renda contas pola súa incompetencia á hora de defender os intereses do país.
“Feixóo ten que explicar porqué o goberno nacionalista de Euskadi conseguiu unha rebaixa de 23 euros por megavatio para as súas empresas electrointensivas e aquí o Goberno do estado deixa a rebaixa en 4,10 euros por megavatio”, interpelou, “isto pasa é porque non temos un presidente que actúe como tal”. Ao mesmo tempo, reclamou do xefe do Executivo que encabece a negociación bilateral co Estado “para conseguir para Galiza cando menos o mesmo que xa ten o País Vasco para as súas empresas”.
Decepcionante resposta do PSOE
O Bloque tildou de “decepcionante” a resposta do PSOE a través do borrador de estatuto para as electrointensivas. “É insuficiente porque a rebaixa que recolle non permite competir, porque non inclúe compensacións para Galiza por ser produtora neta e porque non ofrece garantías de emprego e investimento por parte das empresas”.
Por iso, Pontón xa anunciou que o BNG vai presentar alegacións ao borrador do Estado en defensa dun novo marco enerxético que lle dea estabilidade as empresas e rebaixe o prezo da electricidade. “Hai fórmulas para facelo”, subliñou, empezando por reducir as peaxes que non teñen que ver cos custes de produción e, desde logo, incluíndo compensacións a Galiza polos custes ambientais de ser produtora.