Ana Pontón repasa prioridades de traballo con Lores e critica a falta de compromiso da Xunta en infraestruturas clave para Pontevedra
A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou a falta de compromiso e os incumprimentos da Xunta con Pontevedra nun encontro informativo para abordar as prioridades do BNG para a cidade, no que tamén participou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o deputado Luís Bará.
Entre as cuestións pendentes coa cidade do Lérez, a líder do Bloque puxo de relevo o retraso no novo hospital de Montecelo, cun proxecto que leva máis de doce anos de parálise polos vaivéns do Goberno de Feixóo, “até que se asumiu a ampliación que se defendía desde o Goberno local”. Outra prioridade que tamén leva retraso é a variante de Alba, “fundamental para retirar o trafico do núcleo urbano e debe retomarse o proxecto”, reclamou, e como terceira prioridade lastrada igualmente pola falta de compromiso da Xunta o saneamento e rexeneración da ría.
“É un asunto que está paralizado tras dez anos de trámites, estaba prevista a retirada de aproximadamente 43.000 metros cúbicos de lodos e sedimentos para mellorar a navegabilidade do río e recuperar os bancos marisqueiros e agora mesmo o Goberno do PP volve ao punto de partida anunciando un estudo sobre os sedimentos e aínda non se presentou o plan de saneamento local que leva máis de tres anos en tramitación, cando ese plan debe ser a folla de ruta para determinar as actuacións a realizar na mellora do saneamento e rexeneración do fondo da ría”, explicou.
Fronte a macro depuradora dos Praceres, alegou Pontón, ten que haber varias depuradoras de menor tamaño na ría, “porque así é como se esta deseñando outros proxectos de saneamento e pensamos que é a mellor alternativa”.
“Son todos estes incumprimento da Xunta con Pontevedra en cuestións clave para o desenvolvemento da cidade, e a pesar desa falta de implicación coa cidade o Goberno que lidera Lores foi capaz de levar a cabo unha transformación que coloca a esta urbe como un modelo a nivel internacional”, salientou.
Estas infraestruturas formarán parte do traballo parlamentario do deputado por Pontevedra, Luís Bará, para que dunha vez por todas sexa materializadas polo Executivo galego.
A pandemia, subliñou Bará, “está poñendo de manifesto a importancia de apostar por un modelo urbano como o de Pontevedra, con espazos públicos de calidade, sustentable, e á medida das persoas. “Un modelo e unha experiencia de éxito que poñemos a disposición do país e así o transmitirá Lores na comisión de reactivación económica e social do Parlamento na que o alcalde de Pontevedra comparecerá a proposta do BNG”, indicou Pontón.
O BNG marca a diferencia logrando unha rebaixa histórica nas peaxes da AP9
A líder nacionalista tamén fixo unha valoración inicial sobre os orzamentos do Estado para 2021, destacando a rebaixa das peaxes lograda grazas ao acordo de investidura pactado entre BNG e PSOE.
“Creo que podemos felicitarnos porque grazas ao acordo logrado polo BNG, os galegos e as galegas van pagar menos o ano que vén polas peaxes da AP-9. Estamos ante a rebaixa de peaxes máis importante da historia da AP-9 e iso é o froito do traballo do BNG no Congreso e demostra a utilidade de ter unha voz propia non subordinada ás forzas estatais”, argumentou.
“Durante décadas PP e PSOE o que fixeron foi alternarse no Estado na ampliación da concesión e tamén no incremento das peaxes, pero hoxe hai un punto de inflexión grazas ao traballo do BNG, e vemos como un deputado nacionalista, Nestor Rego, é capaz de marcar a diferenza e conseguir unha rebaixa que vai beneficiar dunha maneira moi importante ás máis de 20.000 persoas que cada día teñen que circular por esta AP-9”, recalcou.
“O BNG marca a diferenza e esa diferenza chámanse 50 millóns de euros nos Orzamentos de 2021 para rebaixar as peaxes”, proclamou, tras deixar claro tamén que a formación nacionalista non se conforma con iso.
A líder do BNG tamén se felicitou porque as contas estatais de 2021 recollen outras dúas propostas que figuraban no acordo de investidura: a gratuidade do tramo Vigo-Redondela e o feito de que a subida do 1% vinculada ás obras da Ponte de Rande tampouco será repercutida nas persoas usuarias.