Ana Pontón reivindica á Rosalía feminista e rebelde e insta ás mulleres a participar na folga do 8 de marzo
Homenaxe do BNG máxima referente da literatura galega en vésperas da data do seu nacemento
O BNG rendeu homenaxe a Rosalía de Castro en vésperas da celebración do seu nacemento, acto que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou para reivindicar a total vixencia da Rosalía feminista, rebelde e vangardista ás portas da folga de mulleres do 8M a favor da igualdade, cuxa mera celebración está a ser criticada polo PP nun momento de “involución democrática”.
“En contraste coa imaxe deturpada que a oficialidade difundiu durante anos sobre Rosalía, queremos reivindicar a Rosalía rebelde, vangardista e feminista, unha muller adiantada aos seus tempos que aínda hoxe está cargada de moita modernidade e de moita incomodidade para os poderes establecidos”, salientou Pontón, quen ve na figura da escritora non só un dos referentes da literatura galega. “Detrás dela hai todo un ideario en defensa de Galiza, en defensa da nosa lingua e de principios tan necesarios como o feminismo”, proclamou.
Pontón reivindicou “á Rosalía feminista, comprometida cunha Galiza dona do seu futuro, vangardista, rebelde, espírito absolutamente necesario e inspirador en tempos de involución democrática como nos que vivimos, para cambiar o guión e reivindicar valores que seguen sendo revolucionarios como é a defensa do idioma, dunha Galiza dona do seu futuro, a defensa das mulleres a vivir en igualdade e a defensa da xustiza social, valores que empapan toda a obra e vida de Rosalía”, reiterou.
A homenaxe a Rosalía, indicou a portavoz nacional do BNG, é tamén unha oportunidade para facer unha reflexión sobre a situación do galego que tanto puxo en valor esta escritora clave na literatura galega e universal.
Neste sentido, e ante a continuada perda de falantes denunciada pola RAG, Pontón tildou de “cinismo oceánico” as declaracións de Feixóo, “cando di que non hai ningún problema na situación do galego e que hai unha vitalidade do bilingüismo cordial, cando o que hai é unha vitalidade do acoso á lingua galega”.